Prazos de inscrición nos campamentos infantís de Mos para Semana Santa e verán
A concellería de Educación e Participación Cidadá mosense que dirixe a edil Kely Monzón informa da apertura do prazo de inscrición nos Obradoiros Infantís de Semana Santa, os Campamentos de Verán da Lanzada e os Campamentos Polideportivos Príncipe Felipe.
Os Obradoiros Infantís de Semana Santa celebraranse na Ludoteca Municipal de Mos os días 30, 31 de marzo e 1 de abril en horario de 10:00 a 14:00 h e van dirixidos ós nenos/as empadroados/as ou escolarizados en Mos de 3 a 12 anos. Establécese un máximo de 50 prazas, acorde ás necesidades de espazo.
Sobre esta actividade a concelleira responsable da mesma, Kely Monzón, declarou que “decidimos organizar uns obradoiros de con motivo da festividade de Semana Santa para que, por un lado, as familias se beneficien dun recurso que facilita a conciliación da vida laboral e familiar; e por outro lado, que os/as máis pequenos/as do municipio, se somerxan durante os tres días que dura a festividade no mundo dunha das tradicións máis arraigadas no noso país, nun ambiente de xogo, en compañía de menores da súa contorna. O obxectivo primordial é que os máis pequenos aprendan divertíndose en compañía dos seus veciños e veciñas. Posto que como defenden grandes ilustres da pedagoxía, o xogo é a mellor ferramenta para adquirir coñecementos. Nesta ocasión, levaremos acabo os obradoiros nas instalacións da Ludoteca Municipal de Mos que iniciou a súa labor en decembro do 2014, para os campamentos de Nadal”.
Estes obradoiros seguirán unha metodoloxía lúdica, facendo énfase no xogo en tódalas súas vertentes. Os nenos e nenas terán unha participación activa, sendo os protagonistas totais en cada unha das accións a desempeñar. O ritmo de traballo será determinado tanto polas capacidades individuais de cada un/ha, como pola duración das actividades. Fomentarase o traballo colaborativo e a axuda mutua.
O programa de actividades a realizar durante estes obradoiros constará de xogos de deshinibición, predeportivos e cooperativos, talleres de cociña con froitas de tempada, de xardinería e de flores feitas a man.
As persoas interesadas en participar nesta actividade deberán presentar a solicitude de inscrición no Rexistro Xeral do Concello de Mos, ou na oficina do Multiusos de 9:00 a 14:00 horas. Para aquelas familias que lle resulte máis doado tamén poden presentar a solicitude a través do correo electrónico: omix@concellomos.es
A folla de inscrición poderase recoller na Ludoteca Municipal, na OMIX, no Rexistro Xeral do Concello de Mos, ou ben descargándoa da web do Concello: www.concellomos.es
O prazo de inscrición será dende o 16 ata o 26 de marzo, para elo será imprescindible presentar unha copia da solicitude asinada e unha copia do volante de empadroamento ou do certificado de escolarización (no caso de non estar empadroado pero si escolarizado en Mos) para os/as interesados/as en beneficiarse da subvención do Concello.
Os Campamentos de Verán da Lanzada da Deputación de Pontevedra van dirixidos ós menores dos concellos da provincia de Pontevedra e realizaranse no Centro de Vacacións da Lanzada.
O obxectivo dos mesmos é o de promover e fomentar o desenvolvemento persoal e social dos rapaces e favorecer a comunicación e o dinamismo multicultural entre eles. Trátase dun proxecto lúdico e educativo que inclúe a programación e o desenvolvemento de actividades relacionadas coa natureza, deportes, actividades ó aire libre, xogos, xogos de sala, artísticas e calquera outra que contribúa a ese obxectivo. Os campamentos distribuiranse en 11 quendas que terán lugar nas seguintes datas: do 21 ó 27 de xuño, do 28 de xuño ó 4 de xullo, do 5 ó 11 de xullo, do 12 ó 18 de xullo, do 19 ó 25 de xullo, do 26 de xullo ó 1 de agosto, do 2 ó 8 de agosto, do 9 ó 15 de agosto, do 16 ó 22 de agosto, do 23 ó 29 de agosto e do 30 de agosto ó 5 de setembro.
As actividades a realizar polos rapaces participantes serán xogos e deportes, actividades na praia, ó aire libre, de natureza e sobre o medio natural, artísticas, nocturnas, teatro e contacontos e baile e actividades culturais.
As solicitudes e a documentación requirida poden presentarse no Rexistro Xeral do organismo provincial nas súas sedes de Vigo ou Pontevedra e tamén nos rexistros da Administración xeral do Estado, da Comunidade Autónoma ata o vindeiro 1 de abril. O número de prazas dispoñibles para nenos e nenas de Mos é de 30.
Os Campamentos Polideportivos Príncipe Felipe da Deputación de Pontevedra van tamén dirixidos ós menores dos distintos concellos da provincia de Pontevedra. O obxectivo desta iniciativa é o de promover e fomentar o desenvolvemento persoal e social dos rapaces e favorecer a comunicación e o dinamismo multicultural entre eles. Trátase dun proxecto lúdico e educativo que inclúe o desenvolvemento de actividades relacionadas coa natureza, deportes, actividades ó aire libre, xogos, xogos de sala, artísticas e calquera outra que contribuía a ese obxectivo. Os campamentos distribuiranse en seis quendas que terán lugar nas seguintes datas: do 6 ó 11 de xullo, do 13 ó 18 de xullo, do 20 ó 25 de xullo, do 3 ó 8 de agosto, do 10 ó 15 de agosto e do 17 ó 22 de agosto.
As actividades concretas que realizarán os rapaces participantes serán saídas ó medio natural, parque multiaventura, tiro con arco, deportes en equipo, actividades acuáticas, e obradoiros.
As solicitudes e a documentación requirida poden presentarse no Rexistro xeral do organismo provincial nas súas sedes de Pontevedra e Vigo e tamén nos rexistros da Administración xeral do Estado e da Comunidade Autónoma. Ó igual que no caso dos Campamentos de Verán da Lanzada, o prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 1 de abril do 2015.