Portos de Galicia inicia a contratación da obra de construción da ponte de acceso ao peirao de Covelo

Jose Juan Durán na visita ao peirao
Portos de Galicia vén de iniciar os trámites para a contratación da obra de construción dunha nova ponte de acceso ao peirao de Covelo, no municipio pontevedrés de Poio. Así o anunciou esta mañá o presidente do ente público, José Juan Durán, nunha visita á zona na que o seu departamento ten previsto un investimento de arredor de 300.000 euros que procede dunha partida de fondos europeos Feder con carácter finalista para melloras de accesos portuarios.
Este investimento e a propia actuación de construción veñen requiridos polo estado da ponte actual. As deficiencias que presenta dita estrutura aconsellan, dende o punto de vista técnico, a construción dunha nova ponte e non a reparación da existente. Por este motivo, Portos de Galicia substituirá a infraestrutura actual por unha de maior anchura que permitirá dispoñer de dous carrís de circulación posibilitando así o cruce de vehículos, que ata agora se vía impedido polas dimensións da ponte.
O proxecto inclúe tamén obras accesorias á ponte consistentes na execución dos tramos de muro de ribeira en ambos extremos para enlazala co vial portuario, así como a reposición do servizos afectados da calzada. Esta actuación ten un prazo de execución de obra estimado inicialmente en 4 meses dende o inicio dos traballos.
Para a maior celeridade das obras, Portos solicitou a colaboración institucional do Concello de Poio para que a Administración local acorde cos veciños a alternativa de circulación a habilitar durante o período de execución dos traballos. Estas pasarían ou ben pola utilización da sección de ponte que, en cada momento, se manteña operativa, ou ben pola procura dun acceso alternativo. Portos demandou ao Concello de Poio que canalice a vontade dos veciños seleccionando a opción preferida por eles.











