publicidade hoxe

Ponte Caldelas investirá 200.000 euros en reparar viais de titularidade municipal en varias zonas do rural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ponte Caldelas, presidida polo alcalde Perfecto Rodríguez, aprobou os proxectos que serán incluídos polo Concello no Plan Provincial de Obras 2015 aprobado pola Deputación de Pontevedra para os municipios da provincia, e que no caso de Ponte Caldelas superará os 200.000 euros de investimento.

Os proxectos aprobados pola Xunta de Goberno Local van dirixidos, a maior parte, a reparacións e melloras en varios viais de titularidade municipal en varios núcleos rurais do municipio, co obxectivo de mellorar a accesibilidade a vivendas e núcleos de poboación.

Así, investiranse 31.000 euros na pavimentación do acceso á Costiña en Caldelas, unha actuación, que pretende pavimentar con aglomerado unha parte deste acceso que actualmente está en formigón, agás na zona de máis pendente.

Unha actuación similar realizarase no camiño central de Tourón, que atravesa o centro do núcleo entre a travesía antiga e o camiño dos Francos recentemente pavimentado. Nesta actuación e no pavimentado do camiño de Rocha de Abaixo investiranse 44.500 euros.
Por outra parte, destinaranse 85.500 euros a reforzar o firme de varios camiños de titularidade municipal en varios núcleos de poboación como Pazos, Ramal do Cemiterio de Caldelas e Anceu (Os Casás).

Finalmente, serán investidos 41.000 euros en mellorar o firme do camiño do Lombo en Cuñas e dun ramal de acceso en Buchabad.
O alcalde explicou que tal e como se fixo o ano pasado no que se investiron 150.000 euros en pavimentacións en varios lugares, o que se pretende é seguir mellorando os accesos a vivendas e núcleos de poboación do Concello de Ponte Caldelas. Por iso destínase a maior parte do investimento deste Plan de Obras da Deputación a reparación de camiños e estradas co fin de manter en perfecto estado a rede de viais municipais entre núcleos de poboación dos que dispón o municipio pontecaldelano.

11 de marzo de 2015 | 13:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.