Pilar Valero será a madriña do torneo basket sen barreiras do CB Nigrán
O CB Nigran organiza o Luns 30 e o Martes 31 de Marzo no Pavillón Municipal de Panxón o Torneo Primavera “BASKET SEN BARREIRAS”. Esta iniciativa foi amadriñada por Pilar Valero, xogadora de baloncesto internacional que conta no seu palmarés, entre outros títulos, con sete ligas, cinco copas e un campionato de Europa ademais de participacións en diferentes Mundiais e Europeos.
Trátase dun torneo moi especial ao que asistirán equipos de baloncesto federados de toda GALICIA que xogarán a pé e que xa participaron en edicións anteriores, así como xogadores/as con algún tipo de discapacidade que participarán en equipos xa formados ou integrándose nos diferentes equipos participantes, pois a finalidade do mesmo é traballar a integración e transmitir a idea de que todos podemos gozar do deporte sen ningún tipo de barreiras.
Algúns dos centros convidados a este torneo de baloncesto inclusivo son: O Centro Juan María, Aspanaex, San Rafael, San Francisco ou o centro de Educacion Especial de Panxón.
Contarán ademais coa presenza das Escolas Deportivas do AMFIV , que disputarán varios encontros en cadeira de rodas con xogadores do club anfitrión.
Desde a Federación Galega, a través do Comité de Árbitros, pon a disposición deste torneo colexiados que de maneira voluntaria arbitrarán os encontros durante as dúas xornadas nas que se desenvolverá o torneo.
Pilar Valero manifesta que se “sente encantada de poder axudar nesta iniciativa desexando que se prolongue” e fixo chegar aos membros da directiva e a dirección deportiva do CB Nigrán a súa “felicitación polo traballo realizado ata agora”.
Pero esta non é a única actividade na axenda desta semana Santa do CLUB BALONCESTO NIGRÁN xa que ademais participará no Torneo Internacional Agueda Basket que terá lugar os días 3 e 4 de Abril na localidade de Agueda (cidade dos paraugas), preto de Aveiro. O club portugués convidou ao CB Nigrán e este responde coa asistencia de dous dos seus equipos cuxas xogadoras gozarán de dous días de baloncesto pero tamén de convivencia no país veciño, xa que compartirán o tempo libre e pasarán a noite os días que ten lugar o torneo nas casas das familias das xogadoras do club anfitrión.
O torneo dasarrollarase no Pavillón Multiusos de Gica e asistirán clubs de diferentes países para compartir dúas xornadas de baloncesto nos que ademais os seus adestradores intercambiarán experiencias do traballo que realizan día a día.