Pescamar converte ao MVP Maxi Kleber en 45 quilos de conserva para os máis necesitados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Maxi Kleber

Maxi Kleber

Ser MVP da Xornada ou estar incluído dentro do Quinteto Idea da Xornada da liga Endesa terá a partir de agora, un aliciente máis para os xogadores do Rio Natura Monbus Obradoiro. E é que, o Grupo Pescamar, membro do Club de Empresas Obradoiro, doará a valoración do xogador agraciado a diferentes entidades solidarias galegas convertida en quilos de latas de conserva.

Maxi Kleber, MVP da pasada Xornada con 45 de valoración, foi o primeiro en recoller as súas latas solidarias, que nesta ocasión, irán destinadas ao Banco de Alimentos de Pontevedra: “Desde logo, é unha maneira moi orixinal de axudar e reconforta aínda máis o logro” . “Esforzarémonos máis se é posible para que a liga Endesa nos inclúa e poder estar cada semana uno de nós e así conseguir moita cantidade”, chanceaba o á-pivote alemán.

Lupe Murillo, directora de Pescamar e conselleira do club, declarou “satisfación por comezar esta nova iniciativa co club. En Pescamar gústanos estar ao lado de quen o necesita, e esta acción é unha maneira máis de facelo, sumándoo como un valor engadido á nosa paixón polo baloncesto”. Ademais, “comezar xa cun MVP nesta xornada é un gran sinal, significa que as cousas foron ben na pista. Oxalá teñamos que doar moitísimas latas cada semana”.

26 de marzo de 2015 | 18:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.