Pesar pola morte nos Alpes franceses de tres membros dunha familia vinculada a Lugo
O PSOE de Lugo lamentou este xoves “profundamente” a perda que sufriu unha familia lucense co falecemento de tres membros no accidente de avión ocorrido o pasado martes nos Alpes franceses. Os socialistas de toda a provincia, a través do seu secretario provincial, Juan Carlos González Santín, fixo extensivo o seu pesar ao resto de familias das vítimas españolas e estranxeiras do sinistro do avión de ‘Germanwings’.
En concreto, no avión sinistrado viaxaba Emma Vidal Bardan, exmuller do irmán do lucense Pablo Pardo Yáñez, que foi parlamentario socialista hai anos e que reside fóra de Lugo; así como unha filla desta (Emma Pardo Vidal) e unha neta.
Estas tres vítimas estaban vinculadas a Lugo, cidade na que reside unha irmá do que foi marido de Vidal Bardan, unha profesora xubilada que impartira clases no Politécnico, segundo fontes consultadas.
APOIO
Tras transcender a vinculación destas vítimas con Lugo, o PSOE provincial emitiu un comunicado no que mostra as súas “condolencias e pésame” á familia e achegados dos falecidos “nesta terrible traxedia” e ofrecen o seu “apoio para todo o que poidan necesitar”.
O exparlamentario socialista é irmán do que foi marido da falecida no sinistro aéreo xunto a unha filla e unha neta, Juan Pardo Yáñez, cuxo pai, Eugenio Pardo e Pardo, exerceu de alcalde de Lugo entre 1950 e 1952.