Os veciños de San Rafael poderán escriturar ó seu nome a totalidade dos seus terreos a partir do 6 de abril

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

Onte pola tarde celebrouse no local da Asociación de Veciños de San Rafael, parroquia de Pereiras, unha xuntanza na que representantes e técnicos municipais informaron ós veciños da urbanización de San Rafael sobre o último trámite a realizar polos propietarios de parcelas nesta zona para escriturar ó seu nome os metros de terreo que tiñan pendentes, isto é, o resto da superficie dos terreos dos veciños que non constaba nos seus títulos de propiedade.

Á reunión asistiron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o tenente alcalde, Óscar Soto, a concelleira de Urbanismo, Julia Loureiro, os secretario e arquitecto municipais, o notario Santiago Martínez Carrera e varios concelleiros e concelleiras máis, tanto do equipo de goberno local como do grupo municipal do PSOE.

A rexedora local mosense manifestou a súa satisfacción ante “a chegada do final deste proceso que ven sendo unha reivindicación dos veciños e veciñas e do propio Concello dende fai moitísimos anos” e destacou a importancia “de lograr finiquitar este trámite coa unanimidade de tódalas partes: veciños, Xunta de Galicia, Concello e grupos políticos da Corporación Municipal”. Asimesmo agradeceu tamén a colaboración en todo o procedemento da Rexistradora da Propiedade de Redondela.

Desta xuntanza a rexedora local mosense, Nidia Arévalo, facía un balance “moi positivo, por tratarse dun momento histórico para San Rafael en particular e para o Concello de Mos en xeral, ó chegar á recta final dun trámite no que levábamos tantos anos traballando e que os veciños da zona ansiaban enormemente”.

Os habitantes de San Rafael foron informados onte de que no próximo Pleno Ordinario do Concello de Mos, que se celebrará o vindeiro 26 de marzo, aprobarase o contido da acta notarial que faculta á alcaldesa para asinar a regularización das parcelas e cesión ó IGVS. Ditas parcelas suman máis de 9.000 metros cadrados que serán repartidos entre os veciños e veciñas da urbanización.

A continuación, a partir do día 6 de abril, cada propietario irá ó notario a revisar as súas respectivas fichas técnicas de parcela e a firmar a escritura conforme aceptan os metros que lles cede o IGVS correspondentes ás súas parcelas.

Os técnicos municipais foron os encargados de elaborar estas fichas de cada parcela, nas que en base á medición previa, establécese cantos metros cadrados lle corresponden a cada veciño.

Tras o Pleno do 26 de marzo, a directiva da A.V.V. San Rafael organizará e coordinará coa notaría os turnos de citas dos veciños interesados co notario, que comezarán como se dixo o 6 de abril, para ir a asinar a recepción dos terreos que lle son cedidos polo IGVS e que previamente o Concello que cedera ó Instituto Galego de Vivenda e Solo.

Este trámite que queda por facer agora é moi sinxelo e rápido e, unha vez aprobada en Pleno a acta notarial, cada veciño deberá iniciar o seu trámite particular coa Xunta, concretamente co Instituto Galego de Vivenda e Solo, para regularizar os metros dos seus terreos dos que xa disfrutan pero que aínda non teñen escriturados como propios.

Os metros a maiores que se escriturarán a nome dos habitantes de San Rafael son anexos ás suas propias vivendas. Na urbanización de San Rafael existen un total de 88 vivendas. Dita superficie entregarase a favor destes particulares que constarán no Rexistro da Propiedade como propietarios dos devanditos terreos.

Unha vez cedidos os metros correspondentes a cada veciño de San Rafael e rematado totalmente este procedemento, realizarase unha nova reparcelación tras a que se notifica automáticamente ó Catastro a nova situación, condicións e características dos terreos dos particulares.

Antecedentes

No seu día o IGVS vendeu os terreos da urbanización de San Rafael ós veciños da mesma, traspasando pola súa banda a superficie correspondente a viais e zonas verdes e comúns ó Concello de Mos. O traspaso de metros cadrados á administración local foi calculado de xeito que se lle cedeu máis superficie da ocupada por vías e áreas comúns, por iso o Concello iniciou fai máis de 5 anos o procedemento para regularizar a inscrición deses terreos sobrantes a nome dos veciños propietarios de vivendas en San Rafael.

Rematado este procedemento quedará regularizada a situación xeral dos propietarios do barrio de San Rafael, na parroquia mosense de Pereiras. Todo o longo proceso xurídico que toca agora ó seu fin foi necesario para que os veciños de San Rafael puideran normalizar a súa situación patrimonial no que se refire ás súas respectivas propiedades ou vivendas; polo que onte foi un día de gran importancia e satisfacción para os particulares titulares das preto de 90 vivendas de San Rafael.

18 de marzo de 2015 | 18:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.