Os usuarios dos locais de ensaio aumentan coa normalización do regulamento
A actividade nos locais municipais de ensaio de Vilagarcía medra de xeito constante dende fai uns meses, coincidindo coa normalización do regulamento de usos posto en marcha pola Concellería de Xuventude. Despois duns meses de habituamento aos cambios, tanto o número de usuarios inscritos como as horas de uso das salas vai segue unha liña ascendente pasando dos 11 grupos rexistrados en xaneiro aos 16 previstos para maio.
A memoria de actividade do primeiro trimestre do ano 2015 rexistra este crecemento progresivo. No mes de xaneiro había 11 grupos inscritos nos locais de ensaio, 12 en febreiro e 13 en marzo. A tendencia mantense, xa que Xuventude xa ten rexistrados 2 novos grupos máis con reserva de salas para os meses de abril e maio, e hai un terceiro tramitando a inscrición.
As 3 salas das que consta o servizo son utilizadas tanto por grupos como por solistas. Un total de 35 persoas fixeron uso dos locais en xaneiro, 37 en febreiro e 41 en marzo. Consecuentemente a este incremento de grupos, tamén medrou o número de horas de uso, pasando das 56 de xaneiro ás 66 de marzo.
Aínda que os locais de ensaio están dispoñibles en horario de mañá e tarde de luns a sábados, o certo é que, con raras excepcións, as horas de uso concéntranse pola tarde e os sábados, debido a que a maior parte dos usuarios son mozos que estudan ou traballan.
Os locais de ensaio constan de 3 salas dotadas de instrumentos musicais e tamén se dispón de estudio de gravación equipado e con mesa de mezclas. A sala número 1 é a de maior superficie e a que está dotada con máis instrumentos e equipos, aínda que as demais tamén dispoñen do material básico para os ensaios (amplificadores, micrófonos, batería…).
As persoas, individualmente ou en grupo, que desexen facer uso dos locais de ensaio, deben inscribirse como usuarios, para o cal deben abonar unha matrícula inicial de 30,55 euros e logo pagar unha cota que varía en función do equipamento e prestacións da sala elixida.
As cotas que se abonan serven para contribuír ao financiamento dos gastos das salas (electricidade), mantemento dos equipos (revisións, arranxos…) e adquisición de novo material para ampliar ou repoñer.
A última adquisición realizada pola Concellería de Xuventude foi un amplificador que solicitaban os usuarios dos locais. Ademais, hai pouco tamén se reparou a caixa dunha batería.











