Os fondos europeos posibilitarán o completo desenvolvemento do plan de saneamento local da ría de Pontevedra
O Plan de Saneamento Local da ría de Pontevedra recibirá o impulso da Xunta de Galicia grazas aos fondos do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, mediante os que o Goberno galego disporá dun total de 133 millóns de euros para a execución de obras hidráulicas, principalmente nas rías galegas. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, deu a coñecer hoxe as principais liñas de actuación que executará a Xunta co financiamento dos novos fondos europeos consignados para promover un desenvolvemento sustentable.
A titular de Territorio destacou que se hai un proxecto destacado que permitirá intensificar eses fondos é o Plan de Saneamento Local na ría de Pontevedra, un programa que ten por obxectivo optimizar o funcionamento do sistema de saneamento (as redes de saneamento, as estacións de bombeo,os tanques de tormenta) e a ampliación do servizo da EDAR de Praceres.
Vázquez indicou que na distribución dos fondos FEDER 2014-2020 a Xunta contará con 87,8 millóns de euros para desenvolver liñas de acción estratéxicas como melloras nos sistemas de saneamento ou optimización de infraestruturas hidráulicas.
No que se refire á reforma e a optimización dos sistemas de saneamento das rías, trátase de actuacións que se derivan dos Plans de Saneamento Local actualmente en curso, co obxectivo de conseguir unha calidade óptima no medio receptor, é dicir, nos ríos e nas rías.
A conselleira de Medio Ambiente sinalou que as cifras presentadas hoxe tamén posibilitarán a ampliación e mellora das estacións depuradoras de augas residuais existentes identificadas como prioritarias na planificación de Augas de Galicia. Concretou que estas medidas mellorarán depuradoras de máis de 15.000 he, como a de Burela ou a de Lalín, entre outras.
Ethel Vázquez explicou que a Xunta non só se compromete a executar as infraestruturas necesarias, senón tamén a explotalas axeitadamente, unha tarefa indispensable na que deben prestar atención todas as administracións.
Outro eixo fundamental da planificación hidráulica será a mellora do funcionamento das redes de saneamento: substitución de colectores deteriorados ou infradimensionados, execución de redes separativas, reconstrución de estacións de bombeo e implantación de infraestruturas de regulación que permitan o control das augas pluviais: tanques de tormenta, e infraestruturas verdes de drenaxe urbano sostible.
Aproveitamento de fondos comunitarios
A responsable de Medio Ambiente lembrou que Galicia é un modelo no aproveitamento dos fondos comunitarios destinados a infraestruturas hidráulicas, xa que as axudas europeas do período 2007-2013 supuxeron unha inxección de 332 millóns de euros para infraestruturas hidráulicas na comunidade a través das distintas administracións.
Vázquez remarcou que esta achega de fondos europeos unida á vontade de colaboración e ao esforzo investidor realizado, propiciou que Galicia dese un salto cualitativo en saneamento e depuración; e avanzase con paso firme no cumprimento dos obxectivos fixados pola UE en materia de augas.
A conselleira manifestou que dados estes antecedentes, os fondos comunitarios do novo período operativo constitúen unha grande oportunidade para seguir avanzando nun ámbito que segue a ser prioritario.











