publicidade hoxe

Os colectores e a depuradora de Baroña estarán rematados no verán para mellora do estado ecolóxico da ría de Muros e Noia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPorto do Son
A-
A+
Ethel Vázquez en Porto do Son

Ethel Vázquez en Porto do Son

Os colectores xerais e a estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Baroña estarán rematados este verán, permitindo a mellora do estado ecolóxico das augas da ría de Muros e Noia. Así o manifestou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, que xunto co alcalde de Porto do Son, José Luís Oujo, visitou estas actuacións hidráulicas.

A titular de Medio Ambiente indicou que o Goberno galego, a través de Augas de Galicia, inviste máis dun millón de euros neste proxecto, cuxas obras se iniciaron no mes de xaneiro.

Estas actuacións contemplan a construción dunha rede de colectores e un novo bombeo e impulsión que conducirán as augas ata a nova depuradora de Abuín, dotando así a parroquia de Baroña dun servizo de saneamento axeitado.

As obras proxectan a execución dunha rede de tres colectores por gravidade de 1.500 metros de lonxitude e unha nova estación de bombeo, que impulsará as augas residuais dos núcleos de Arnela e Vilar.

Este proxecto tamén consta da construción dunha nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) cunha capacidade de tratamento para 500 habitantes. Esta EDAR estará situada ao oeste do núcleo de Abuín, ao outro lado da estrada AC-550, Cee-Ribeira.

Ethel Vázquez explicou que o seu departamento tamén está a traballar na redacción dos proxectos das depuradoras de Queiruga e Xuño, que posibilitarán o saneamento das augas que verten á zona máis exterior da costa de Porto do Son.

Vázquez concretou que estamos ante infraestruturas hidráulicas que demostran o interese da Xunta por continuar avanzando no obxectivo de dotar os núcleos de poboación de sistemas de saneamento e depuración axeitados que incidan nunha mellor calidade das augas das rías, un feito especialmente importante en lugares como Porto do Son, onde o mar ten unha importancia económica estratéxica derivada da pesca e o turismo. Proba deste compromiso é o feito de que no período 2009-2016 poranse en servizo 35 depuradoras, mobilizando 768 millóns de euros.

24 de marzo de 2015 | 18:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.