publicidade hoxe

Os alumnos do curso de mozo de almacén visitan Inditex

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

Os alumnos e alumnas do curso de mozo de almacén organizado pola Bolsa de Traballo (BDT) do Concello de Carballo visitan este xoves, día 12, as instalacións de Inditex en Arteixo. Os 25 participantes nesta acción formativa poderán ver un exemplo práctico do que están aprendendo na aula do Fórum sobre a organización do traballo, a cadea de montaxe, o sistema de traballo, os operativos, a distribución do traballo ou a maquinaria que usa unha empresa de referencia mundial no sector téxtil.

O curso de mozo de almacén, que comezou o 25 de febreiro e rematará o 17 de marzo, inclúe 70 horas de formación teórica e outras tantas de prácticas profesionais en empresas. Os participantes, 23 homes e 2 mulleres, teñen de 25 a 50 anos de idade e non tiñan (ou tiñan moi pouca) experiencia previa como mozos de almacén.

O principal obxectivo do curso é que o alumno desenvolva e execute de forma correcta as tarefas propias das ocupacións de mozo de almacén: preparar pedidos e expedición, condución de equipos e maquinaria de almacén, dominar a documentación específica (albarás, follas de stocks, referencias), carga e descarga de mercadorías, recepción, etiquetaxe e situación das mercadorías, fronteo e ordenamento. Neste sentido está prevista unha unidade formativa específica sobre carretas elevadoras.

O Plan de Formación da BDT para o primeiro semestre do 2015 tamén inclúe cursos de competencias clave, hostalería, prevención de riscos e comercio. Neste último xa comezou o período de prácticas en empresas.

12 de marzo de 2015 | 10:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.