Os alumnos de “Inserta 4” finalizan as prácticas en máis dunha vintena de empresas de Ferrol e comarca
Un total de 43 persoas veñen de rematar as prácticas en empresas dentro do Programa Integrado “Inserta 4”, posto en marcha o pasado mes de agosto pola Concellería de Emprego do Concello de Ferrol. Nesta acción participaron 25 empresas de Ferrol e comarca, onde o alumnado realizou estas prácticas até completar entre150 e180 horas de formación nos empresas, segundo o itinerario formativo que escolleran.
Este programa estivo dirixido á formación de 80 persoas desempregadas para mellorar as súas posibilidades de inclusión laboral e contou coa cofinanciación da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia. Así mesmo, o itinerario combinou accións de información, orientación, asesoramento, formación e práctica laboral. A edil Martina Aneiros destacou o alto porcentaxe de inserción laboral deste programa integral para o emprego cun 50% dos participantes.
Os obxectivos destas prácticas profesionais non laborais en empresas do “Inserta 4” eran mellorar a empregabilidade dos participantes ofrecéndolles un contacto coa realidade laboral actual; contribuír a completar a súa formación; desenvolver competencias e habilidades profesionais; e aprender as habilidades e os hábitos de novas actividades. Neste senso, a titular de Emprego sinalou que que “este módulo permitiu que os participantes completen a formación específica recibida coa adquisición das habilidades e procedementos prácticos necesarios para obter un nivel de profesionalidade adecuado ás necesidades dos sectores, ademais de supoñer un elemento importante para a inclusión no mundo laboral”.
As empresas que acolleron ao alumnado en prácticas pertenceron aos sectores alimentario, hostaleiro, moda e complementos, electrodomésticos, servizos sociosanitarios, deportes, entidades sociais e fundacións, ou limpeza, entre outros. De xeito complementario e coincidindo co remate das prácticas, púxose en marcha un plan de formación complementaria para a obtención da Educación Secundaria Obrigaritoria (ESO), no que participarán o colectivo con menor nivel de estudos. Dita acción formativa consta de clases de 3,5 horas tres días por semana para afrontar as probas que terán lugar o 29 de maio e o 9 de setembro.











