publicidade hoxe

Os alumnos de Educación Especial de Marxió ensaian as normas viarias no parque infantil de tráfico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Parque Infantil de Tráfico que se está a desenvolver en Fexdega no marco do programa de Educación Viaria que imparte a Policía Local recibe mañá a un grupo de escolares do centro de Educación Especial de Marxión. Os alumnos repasarán as normas e a sinalización básicas para circular polas vías públicas tanto como peóns como conducindo bicicletas e logo porán en práctica o aprendido realizando o circuíto do parque.

Coa sesión de mañá o Centro de Educación Especial inicia a súa participación no programa de educación Viaria da Policía Local, xa que nunca antes asistiran a este tipo de actividades. O grupo, composto por alumnos de diversas idades, trasladarase ata Fexdega para recibir as explicacións dos axentes da Policía encargados do programa educativo. A sesión comezará ás 12 do mediodía cunha pequena charla para repasar as normas básicas de circulación e recordar as principais sinais de tráfico. A continuación, os rapaces e rapazas pasarán a practicar no circuíto habilitado a modo de rúas dunha cidade actuando como peóns e como condutores de bicicletas. Terán que respectar as normas, fixarse e respectar a sinalítica e circular seguindo os as indicacións dadas polos axentes a efectos de garantir a seguridade na rede viaria.

11 de marzo de 2015 | 13:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.