Os afeccionados ás caravanas teñen unha cita en Área Central
O Concello de Santiago colabora coa II Feira Caravana Compostela, que se celebra dende este venres 13 ata o domingo 15 en Área Central. A titular de Economía, Reyes Leis, presentou este evento, que reunirá na Praza de Europa uns cincuenta vehículos, entre caravanas, autocaravanas e carros-tenda, das empresas máis importantes e das marcas principais do sector da caravana de Galicia. O seu horario será de 11:00 a 20:00 horas durante os tres días. Área Central celebra a segunda edición deste evento, tras o éxito conseguido na primeira edición en 2014. En colaboración co Concello, Alcampo, Galimerca e Patrimonial Raíces, a II Feira Caravana Compostela ten como obxectivo promover a práctica do cámping e a caravana e ser unha plataforma comercial e de divulgación desta práctica de ocio familiar e en contacto coa natureza para os seus usuarios habituais. Este evento tamén pretende servir para descubrir o autocaravanismo entre as persoas que non a coñece esta forma de ocio apta para todos os presupostos.
Entre as empresas máis destacadas que confirmaron a súa presenza eses tres días en Area Central figuran Yakart Centro Caravaning, Galicia Caravana, Caracol Park, Caravanas Juan e Caravanas Mallón, entre outros. Na II Feira Caravana Compostela exhibiranse varios modelos de marcas líderes como Dethleffs, S-Light, Bürstner, Adria, Benimar, Knaus, Elnagh, Fendt,Caravelair, Challenger, Across Car, McLouis, Carado ou Hobby.
Nestes tres días, os visitantes de Area Central poderán coñecer de primeira man as marcas máis representativas da caravana e ver as diferentes distribucións e características que ten cada vehículo para adaptarse ás necesidades de cada un. Os profesionais dos distribuidores asistentes orientaranos sobre o vehículo que máis lles convén e que fará cambiar a súa forma de viaxar e de planificar as súas vacacións. Nesta feira, os interesados poderán visitar os modelos clásicos das caravanas, pero tamén terán a oportunidade de coñecer os interiores de vehículos novidosos.
Impacto económico do autocaravanismo
O autocaravanismo é unha alternativa á hora de realizar turismo e abarca diferentes actividades económicas como a comercialización e distribución de vehículos de ocio, cámpings, accesorios, etc. Ademais, supón un grande impacto económico para o turismo da cidade onde se sitúan os autocaravanistas, beneficiando a varios sectores como a hostalería e o comercio.











