publicidade hoxe

Oroso convoca o programa de formación e prácticas “Reorientamos”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

O Concello de Oroso convocou hoxe luns a primeira edición do programa “Reorientamos”, unha iniciativa que pretende mellorar o acceso ao mercado laboral de 15 veciños e veciñas do municipio a través dun programa de formación e de prácticas laborais en empresas colaboradoras do municipio. “Reorientamos é unha ferramenta de aprendizaxe e integración social e laboral que serve para loitar contra a exclusión social e laboral de colectivos como a mocidade, os desempregados e outros colectivos en situación de vulnerabilidade ou exclusión social en Oroso a través dun programa que combina formación e prácticas, todo elo orientado ao mercado laboral máis próximo”, explica Antonio Leira, concelleiro de Ensino.

Neste sentido, “Reorganizamos” é pretende mellorar a empregabilidade dos quince alumnos/as participantes, que serán becados polo Concello de Oroso e La Caixa para realizar un itinerario formativo a través dun proceso de mentoring presencial. Cada itinerario formativo consta de 3 cursos de Aula Mentor, certificados polo Ministerio de Educación, a escoller polos alumnos sempre e cando sexan de un ámbito determinado e homoxéneo: saúde, hostalería, turismo, administración e xestión, comercio e marketing, madeira, programación… “Os itinerarios serán persoais, axeitándose ás necesidades e características de cada alumno”, adianta Leira Piñeiro.

O prazo de inscrición ábrese hoxe luns 9 de marzo e aqueles veciños e veciñas que desexen participar deberán entregar no rexistro xeral do Concello de Oroso as follas de inscrición, que se poden descargar dende hoxe na web www.concellooroso.com, antes do 20 de marzo. Máis información na Aula de Formación EducaOroso (rúa do Deporte, 7), no teléfono 981 688 950 ou na propia web municipal.

Asesoramento personalizado

Ademais da formación, o alumnado participará nun proceso de mentorización, que consiste en realizar un seguimento e asesoramento individualizado de cada un dos alumnos entre os meses de abril e xuño. O obxectivo é que os participantes non só reciban unha formación certificada, senón xerar neles unha inquietude de cara a súa capacidade de atopar ou xerar emprego. Para conseguilo, os titores explicaranlles como crear proxectos novidosos e novas fórmulas de autoemprego para desenvolver as súas ideas de negocio: dende que definen a idea, pasando pola busca de clientes e marketing, ata a xestión dos recursos e posta en marcha do proxecto.

O concelleiro de Ensino explica que “queremos ofrecer ás persoas unha segunda oportunidade na adquisición de formación e na mellora das súas competencias profesionais, de modo que poidan volver ao proceso de aprendizaxe mediante fórmulas de educación non formal e achegarse ao mundo laboral, especializándose nunha área concreta na que desenvolver unha actividade profesional”. Ademais, e como culminación da iniciativa, o Concello de Oroso xa está a traballar con empresas e entidades locais que se implicarán tamén no programa “Reorientamos”, ofrecendo ao alumnado a posibilidade de realizar prácticas profesionais.

9 de marzo de 2015 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.