publicidade hoxe

Oroso convida aos artistas locais a participar nunha exposición con artistas portugueses na Festa da Troita

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

O Concello de Oroso convida aos artistas do municipio a participar nunha exposición con pintores portugueses, que terá lugar no auditorio do centro cultural Fernando Casas e Novoa entre o 8 e o 29 de maio, coincidindo coa Festa da Troita. “Queremos que esta exposición sexa un escaparate para artistas de Galicia e Portugal e, ao mesmo tempo, que sexa unha boa ocasión para fomentar o encontro entre artistas dos dous países e unha plataforma para que a Asociación da Amizade e das Artes Galego Portuguesa poida buscar novos lazos de amizade”, explica o concelleiro de Cultura e coordinador da Festa da Troita, Antonio Leira.

A exposición terá un número de 30 obras, dun tamaño máximo de 1×1 metros cada unha. Xa está confirmada a presenza de 5 artistas portugueses. O chamamento do Concello de Oroso está dirixido a todos os artistas do municipio que estean interesados en participar nesta iniciativa, que deberán confirmar o seu interese antes do 17 de abril e enviar ao correo biblioteca@concellooroso.com unha fotografía da peza e un breve curriculum. As obras que vaian participar na exposición deberán entregarse antes do 7 de maio.

Ademais de participar nesta exposición, que se inaugurará o 8 de maio coincidindo coa Festa da Troita, os artistas comprométense a participar na iniciativa “Arte na rúa”, que terá lugar o sábado 9 de maio. “Queremos que durante esa xornada os artistas saquen a súa arte ás rúas de Sigüeiro, xa que os artistas estarían traballando nas rúa, en contacto cos milleiros de persoas que nos visitan con motivo da Festa da Troita”, sinala Antonio Leira. Unhas obras que pasarían a formar parte do arquivo do Concello de Oroso.

13 de marzo de 2015 | 19:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.