publicidade hoxe

Oleiros fara entrega dos premios do II concurso «As mulleres da miña vila» e «reinventando historias»

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOleiros
A-
A+

O Concello de Oleiros, dentro do programa ESCOLAcoeducativa destinado á promoción dos valores da Igualdade nos centros educativos, organizará este venres día 27 ás 19 horas no Centro Cultural A Fábrica un acto público de recoñecemento ás mulleres protagonistas dos traballos presentados polo alumnado de 5º e 6º de primaria ao concurso. Así mesmo, farase entrega do premios aos autores dos traballos que obtiveron unha maior puntuación nas valoracións do xurado de As mulleres da miña vila e do de Reinventando historias.

O Concello de Oleiros, co fin de integrar a coeducación no quefacer diario dos centros educativos, puxo en marcha un programa de coeducación para Educar en Igualdade, e traballar así a promoción dos valores da Igualdade de oportunidades. O programa conta con diversas actuacións que se van desenvolvemento ao longo do ano, traballándose de forma máis específica datas sinaladas como o 8 de marzo. Entre as actuacións coeducativas previstas estiveron a organización do II concurso:

•“As mulleres da miña vila” dirixido ao alumnado de 5º e 6º de primaria, no que se lles propuxo que investigasen sobre a vida das mulleres do noso Concello e fixesen a súa “historia de vida”. A actividade tivo como finalidade educativa ampliar o seu coñecemento sobre a historia do Concello, dar a coñecer a vida das mulleres como protagonistas da nosa historia máis recente, e visibilizar as desigualdades entre mulleres e homes no ámbito familiar, laboral, social, etc.

En total presentáronse 23 historias de vida, as que se recollerán nunha edición electrónica que será distribuída entre os centros educativos participantes e publicarase na web do concello. Así mesmo, cos autores e autoras dos traballos finalistas gravouse un audiovisual para a dar a coñecer os traballos e facerlles unha homenaxe ás mulleres protagonistas.

•“Reinventando historias” destinado ao alumnado de 1º e 2º da ESO, onde 83 rapaces e rapazas reescribiron contos clásicos onde os valores da igualdade son os protagonistas destas novas historias. Coas 32 mellores historias editarase unha publicación dixital deste contos de igualdade. A entrega dos premios, e o visionado do audiovisual, terá lugar este venres día 27 de marzo ás 19 horas no Centro Cultural A Fábrica. neste acto de portas abertas realizarase un recoñecemento público ás mulleres protagonistas das historias de vida, pola súa contribución a favor da familia e/ou pola súa actividade produtiva local. Con esta homenaxe preténdese dar a coñecer cal era a situación da muller, na historia máis inmediata, e poñer en valor as actuacións de mulleres que poidan ser motivadoras para a sociedade en xeral.

26 de marzo de 2015 | 18:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.