Obradoiros no museo dos Muíños de Golmar durante a Semana Santa
Aproveitando a chegada da primavera e as xornadas festivas da Semana Santa, o Concello da Laracha desenvolverá durante os próximos días unha serie de iniciativas dirixidas a encher de actividade o Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar e captar visitantes para esta instalación, animando a presenciar a mostra tanto a veciños do noso municipio como a persoas procedentes doutras localidades.
Obradoiros para os nenos
Do luns ao mércores realizaranse tres obradoiros en horario matinal (de 10:30 a 13:30 horas) aos que se convidará a participar a rapaces de cinco a doce anos de idade. O triplo obxectivo desta iniciativa é dar a coñecer aos escolares do municipio a existencia do museo de Golmar e explicar a importancia histórica dos muíños de auga no Concello da Laracha, ofrecerlles aos nenos a posibilidade de participar en divertidas actividades educativas e culturais e, ademais, facilitar a conciliación persoal e laboral dos seus familiares.
O obradoiro do luns titularase E chegou a primavera. Durante a xornada os participantes realizarán un calendario agrícola, farán xogos para detectar os diferentes cultivos e tempadas e, por último, elaborarán o seu propio sementeiro de plantas aromáticas.
Pascua doce é o nome da iniciativa do martes. Os nenos realizarán traballos de limpeza da fariña de millo e trigo e, posteriormente, elaborarán o pan doce típico da Pascua no forno dunha panadería de Golmar.
Por último, o mércores realizarase o obradoiro Ovos e coellos de Pascua. Os nenos realizarán unha saída para coñecer as diferentes flores silvestres e, a continuación, decorarán doces de pascua con tintes naturais e prepararán caixas para transportar os ovos.
Nos tres obradoiros a inscrición é gratuíta e pode formalizarse no Concello a partir de mañá xoves. Para cada xornada hai vinte prazas dispoñibles.
Apertura ao público do museo
Durante esta fin de semana (días 28 e 29 de marzo) e nas xornadas festivas de Semana Santa (do xoves ao domingo) o Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar abrirá ao público en horario de 10:00 a 14:00 horas pola mañá e de 16.00 a 20:00 horas pola tarde. A entrada é gratuíta e as persoas que acudan á instalación poderán disfrutar dunha visita guiada.
O museo está situado na antiga Casa Reitoral de Golmar, moi preto da igrexa parroquial de San Bieito e a carón da estrada A Laracha-A Silva (CP 2404). Na instalación faise un percorrido por medio de mapas, documentos, imaxes e pezas reais de muíños, a través do que visitantes poderán coñecer como era o seu funcionamento, a súa importancia social e os diferentes tipos de muíños que existían na Costa da Morte. O exterior do centro dispón dunha ampla área de descanso dotada cun parque infantil, sendo un lugar ideal para acudir en familia.











