Obradoiro en Monforte para que os e as escolares coñezan a María Castaña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

Dentro da programación organizada pola concellería de Igualdade para conmemorar o “Día Internacional da Muller” continúase desenvolvendo desde o CIM de Monforte e en colaboración co colectivo “Lemos le”, o obradoiro “Mulleres de Lemos”.

Este obradoiro tencomo obxectivo promover a igualdade entre mulleres e homes desde idades temperás, e a protagonista na edición do 2015 é Maria Castaña.

O alumnado dos centros de ensino (preferiblemente de 5º de Educación Primaria) e os rapaces e rapazas usuarios/as das Bibliotecas Municipais de Monforte e a comarca de Lemos, traballarán sobre a figura de María Castaña.

Esta iniciativa comezou o ano pasado coa finalidade de dar a coñecer un pouco máis a historia demulleres vinculadas á comarca de Lemos. Pretende transmitir unhas claves sinxelas sobre as vidas destas mulleres para que posteriormente o alumnado de educación primaria as plasme nun debuxo.

Ó remate de todas as sesións escolleranse un ou varios debuxos nos que se basearán as ilustracións do conto final sobre a vida de María Castaña. Procurarase facer unha edición on-line do conto que estará a disposición dos centros educativos que o desexen.

O feito de que as nenas e os nenos sexan os e as creadores/as dos debuxos, facilita o seu compromiso co obradoiro e desenvolve a súa creatividade, incrementando tamén a súa autoestima.

O persoal do CIM está acudindo a tódolos centros de ensino de primaria nas seguintes datas e horarios:

Martes 10 de marzo: CPR FERROVIARIO de 12:30 a 14:00 horas

CEIP A GÁNDARA de 15:10 a 16:55 horas

Mércores 11 de marzo: CPR TORRE DE LEMOS de 15:15 a 17:15 horas

Xoves 12 de marzo: CPR PP. ESCOLAPIOS de 10:00 a 12:00 e de 15:30 a 17:30 horas.

Venres 13 de marzo: CEIP MONFORTE de 10:00 a 12:00 horas

Luns 16 de marzo: CEIP MONFORTE de 15:25 a 17:00 horas

Martes 17 de marzo: CEE INFANTA ELENA de 15:00 a 16:45 horas

9 de marzo de 2015 | 14:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.