O xefe de máquinas desaparecido tras o incendio dun pesqueiro é un peruano afincado en Burela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurelaSucesos
A-
A+
Europa Press

O xefe de máquinas desaparecido tras o incendio rexistrado no pesqueiro con porto base en Vigo ‘Guariste Primero’ é un cidadán coa dobre nacionalidade peruana e española afincado no municipio de Burela (Lugo). Así o confirmou a armadora do palangreiro, Pesqueira Dacova, que concretou que se trata dun home de 57 anos de idade.

O desaparecido quedara atrapado tras rexistrarse o incendio no palangreiro cando estaba a unhas 840 millas ao sueste de Lima, mentres que os outros 13 tripulantes foron rescatados por outro buque galego que estaba na zona.

Ás 6,17 horas deste luns -hora española- a Secretaría Xeral de Pesca (Segepesca) contactou con Salvamento Marítimo para alertar sobre o incendio do pesqueiro vigués ‘Guariste Primero’ a 840 millas ao sueste de Lima.

Foron rescatados 13 dos seus tripulantes (tres españois, catro caboverdianos e seis indonesios) por parte doutro pesqueiro tamén español chamado ‘Balueiro Segundo’, con porto base na Garda (Pontevedra), que se encontraba a 14 millas da posición do pesqueiro incendiado.

A zona da emerxencia está asignada pola Organización Marítima Internacional a Chile, segundo concretou Salvamento Marítimo, que engadiu que, tal e como está establecido nos protocolos, o Centro de Coordinación Nacional Salvamento Marítimo recibiu a información sobre o accidente ao tratarse dun pesqueiro español.

SALVAVIDAS

O capitán do ‘Guariste Primero’ relatou que, tras producirse o incendio, o xefe de máquinas, con dobre nacionalidade peruana e española, quedou atrapado na sala de máquinas.

A tripulación intentou extinguir o incendio do pesqueiro sen éxito e, de inmediato, lanzaron as balsas salvavidas e 13 tripulantes subiron a bordo con equipación de seguridade, como radiobaliza, vhf portátiles e outro material.

Antes de abandonar o barco conseguiron contactar co pesqueiro español ‘Cervera’, tamén con porto base en Vigo, que estaba a 60 millas da súa posición e este deu a alerta aos buques españois que se achaban próximos ao lugar da emerxencia.

O máis próximo, o guardés ‘Balueiro Segundo’, que estaba a 14 millas, foi o que se encargou do rescate dos 13 tripulantes do ‘Guariste Primero’, que se achaban nas balsas salvavidas.

9 de marzo de 2015 | 13:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.