publicidade hoxe

O Val instrúe aos seus técnicos en Visual-Merchandising de cara á reapertura da súa tenda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNarón
A-
A+

A cooperativa O Val leva dúas semanas formando a todo o seu persoal en técnicas de Visual-Merchandising -28 persoas-, co fin de capacitar e preparar axeitadamente aos seus empregados de cara a unha próxima remodelación do espazo comercial da cooperativa que ampliará as súas instalacións e as adaptará á imaxe de marca Mercarural, da man de Delagro S. Coop.

Divididos en dous grupos, a segunda quenda dará por finalizada mañá esta actividade formativa, impartida por especialistas cualificados, ao tanto das últimas tendencias en mercadotecnia. A aprendizaxe inclúe, ademais de técnicas de venda, cuestións relacionadas coa disposición e reposición de produtos, o seu correcto aprovisionamento, análise da competencia, estratexias puntuais, etc.

Sen poder confirmar aínda as datas de apertura pero co foco de atención posto no verán, a nova superficie de vendas da cooperativa alcanzará os 1.400 m². Un espazo no que terán cabida produtos agrarios (roupa e calzado de traballo, sementes, produtos fitosanitarios e zoosanitarios, material de hixiene e muxidura, etc.) e tamén unha gran zona destinada a alimentación.

A nova imaxe da tenda adaptarase, por completo, aos parámetros establecidos pola marca Mercarural, insignia que está a dotar ás tendas do ámbito rural dunha personalidade diferenciada e alto nivel de profesionalización, seguindo criterios estéticos e mercadotecnia avanzada.

O Val converterase así na décimo cuarta tenda integrada en Mercarural, dende que en 2011 se comezara a realización de implantacións. Ata o momento xa son oito as entidades de Asturias e Galicia que formalizaron a transformación e o número de peticións segue aumentando.

Mercarural é propiedade da cooperativa de segundo grao, Delagro S. Coop., entidade que integra cooperativas de Asturias, Cantabria e Galicia. Fortemente asentada como central de compras, conta cunha potente estrutura departamental en alimentación e produción vexetal e animal, automoción, fertilizantes, combustibles, etc., ao tempo que estende a súa actividade á área de asesoramento e mercadotecnia entre outras.

12 de marzo de 2015 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.