O Trasno Novo Teatro representa “Conversas na cuneta mentres a vida pasa alá fóra” no Poio Escena
O vindeiro venres 27 de marzo ás 21:00 O Trasno Novo Teatro representará a obra “Conversas na cuneta mentres a vida pasa alá fóra” na Comunidade de Montes de Combarro. O representación do grupo vigués encádrase dentro do Ciclo teatral anual PoioEscena, sendo a primeira función deste ano que se celebra en Combarro.
A obra “Conversas na cuneta mentres a vida pasa alá fóra” pertence ao xénero dramático e está dirixida para todos os públicos. A duración estimada da función é de 75 minutos.
Sinopse
Creación do propio Grupo, baseada en relatos de diversos autores e na ampla información saída á luz co gallo da Recuperación da memoria histórica.
Trata do encontro de tres mulleres do mesmo pobo pero de moi distinta condición, unidas na fuxida e distanciadas no seu comportamento ante a vida e o momento histórico que lles toca vivir.
Pretendemos, por unha banda, facer unha homenaxe ás mulleres asasinadas, durante e na posguerra, case sempre anónimas e esquecidas, e por outra, reflexionar, a través da súa mirada, sobre temas que seguen a ser de actualidade: a subxectividade da información, a hipocrisía da sociedade, as relacións de parella, o terrorismo, os abusos do poder e outros.
Entrada
Custará 3€ para o público xeral, e 1€ para todas/os socias/os. Amáis poden adquirir por só 15€ un bono para ver as 12 representacións do PoioEscena, neste caso as socias/os só pagarán 5€.
O ciclo anual de teatro PoioEscena 2015 está organizado polas asociacións SCD Raxó, SCD Samieira e ACDeM Combarro e pola concellaría de Cultura do Concello de Poio, e pon en escena 12 representacións, unha ao mes, na Comunidade de Montes de Combarro, na Comunidade de Montes de Río de Bois – Samieira, e no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó.
Apoia o Teatro afeccionado!
27 de marzo, Día Internacional do Teatro.
Este venres 27 de marzo, celébrase o día internacional do teatro. Ademais da función programada de PoioEscena para esta data, a partir das 17 h. a biblioteca municipal de Poio acollerá o espectáculo “Conto Contigo”, contacontos, títeres e maxia para todos os públicos, entrada libre.
Asemade, desde a concellaría de cultura do Concello de Poio compartimos as reivindicacións contidas no Manifesto polo Día do Teatro:
DECLARACIÓN DE COMPROMISO COAS ARTES ESCÉNICAS DÍA DO TEATRO 2015
O teatro galego creou e crea espazos de diálogo entre a sociedade e o público espectador. Ao ser, por excelencia, o xénero da intervención social, o teatro fainos seres máis libres, para alén de ser un dereito básico por servir de instrumento de expresión do ser colectivo da nosa cultura.
Nos momento en que coñecemos datos tan preocupantes para as artes escénicas en Galiza, cómpre facer balance da situación do teatro galego, como reflexo da cultura galega.
Os momentos de maior brillantez nas artes escénicas, con presenza de compañías estables e a promoción do teatro amador, coinciden con períodos de aposta por converter a cultura nunha prioridade e por entender as múltiples dimensións que posúe o feito teatral. O dato obxectivo de se desenvolveren cada vez menos representacións e de existir un estancamento dos espazos de teatro na Galiza (segundo o último informe do Consello da Cultura Galega) poñen perante os nosos ollos unha situación preocupante que o sector xa leva sufrindo estes últimos anos.
Desde as entidades representativas do sector das artes escénicas veñen dando conta desta situación e reclamando que os poderes públicos apoien a nosa cultura e defendan o acceso ao teatro do conxunto do pobo galego. Mais a cultura galega no seu conxunto padece a ausencia dunha política cultural que a dimensione e a impulse como merece, sendo como é un sector económico estratéxico para o noso país. Moi ao contrario, o goberno da Xunta de Galiza teima en contribuír ao proceso de homoxeneización cultural e dálle as costas á produción propia mentres aposta, descarada e irresponsabelmente, por manifestacións artísticas foráneas e polos espectáculos para un día, no canto de potenciar aquelas cuestións estruturais (potenciación do teatro amador, creación de espazos teatrais de referencia en vilas e cidades, apoio á produción propia…) que signifiquen a mellora da situación dun sector con tradición e talento.
A escusa da crise non existe, como tivemos ocasión de comprobar, cando se trata de apoiar espectáculos de artistas foráneos, a través da dilapidación de cartos públicos en cantidades que servirían para frear a desesperación de tantas persoas e grupos que tentan sobrevivir na Galiza. Así é como asistimos con escándalo á emigración forzosa de persoas do mundo das artes escénicas, polos recortes sen precedentes no mundo da cultura en xeral e no sector das artes escénicas en particular.
Fronte a unha política cultural belixerante co sector, é fundamental o labor dos concellos, de continuar a apostar por políticas de apoio e promoción ao teatro, facilitando locais, espazos, procurando lugares de visibilización e recuperando a dignidade para a produción teatral tanto amador como de compañías galegas.
O Concello de Poio, orgulloso da nosa tradición teatral, consciente da vinculación da nosa dramaturxia coa recuperación de espazos públicos para a lingua galega, coñecedor da súa potencialidade artística e como motor de dinamización económica, e sabedor da necesidade apoiar e achegar as artes escénicas ao conxunto do pobo galego reitéranse no seu compromiso de:
1. Fomentar as industrias culturais galegas, especialmente nos apartados de edición, artes escénicas, música, artes plásticas e investigación.
2. Impulsar as artes escénicas galegas e readaptar os espazos municipais para a súa representación. Dar apoio e soporte para albergar espazos creativos.
3. Realizar mostras e circuítos de teatro.
4. Apoiar o teatro amador.
5. Colaborar entre diferentes concellos e administracións para xerar redes e desenvolver circuítos de contratación.
6. Ampliar a cobertura xeográfica da oferta pública de programación de espectáculos de artes escénicas dentro do concello, promovendo a distribución territorial e achegando o teatro á veciñanza.
7. Colaborar cos centros de ensino para fomentar a relación do estudantado coas artes escénicas desde a perspectiva da recepción e a creación. Promover circuítos e mostras de exhibición do teatro e danza escolar, con intercambio entre centros. Potenciar a formación na escrita teatral a través de obradoiros, cursos e outras actividades.
8. Apoiar o tecido asociativo cultural na localidade e fomentar a emerxencia de calquera actividade de promoción e investigación sobre o teatro galego, o seu patrimonio e a súa historia.
9. Traballar para aumentar os niveis de asistencia a espectáculos de artes escénicas da poboación, promovendo a fidelización do público.
10. Impulsar a proxección de novas persoas creadoras no sector das artes escénicas.











