O Teatro Jofre acolle o espectáculo a capella “Diversións orixinais” do quinteto Bvocal
A agrupación internacional “Bvocal” chega este sábado, día 14, ao Teatro Jofre para presentar o seu espectáculo humorístico e de música a capella “Diversións orixinais”, dentro da programación elaborada pola Concellería de Cultura do Concello de Ferrol, que dirixe Manuel-Reyes García Hurtado. Esta función dará comezo ás 20:30 horas e as entradas poden ser adquiridas, de maneira anticipada, no despacho do teatro municipal ou a través da páxina web oficial do Concello de Ferrol: www.ferrol.es (apartado Axenda Cultural).
Esta agrupación a cappella consolidada a nivel internacional ofrecerá un espectáculo para todos os públicos cheo de virtuosismo e intensidade interpretativa. Cinco voces masculinas transmitirán toda a súa enerxía no escenario do Jofre recreando sons a cappella, ritmos vogais de beat box, percusión corporal, e misturas de estilos como o rock, pop, flamento ou jazz. Todo isto, rodeado de toques humorísticos que arrincarán gargalladas aos espectadores.
Fenómeno asiático
Nos últimos anos, esta formación converteuse en todo un fenómeno “a cappella” en Asia, onde en países como China, Corea do Sur, Xapón ou Taiwán, enchen grandes teatros e auditorios como o Gran Teatro Nacional de Pekín, o Shanghai Arts Centes ou o Sejong Culture Center de Seúl. Todos eles grandes referencias na programación cultural asiática.











