publicidade hoxe

O Sergas inicia a construción do novo centro de saúde de Cambre

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambreLocal Portada
A-
A+

O Servizo Galego de Saúde da comezo ás obras da construción do novo centro de saúde de O Temple, Cambre, coa formalización da acta de comprobación de replanteo celebrada hoxe e tras asinarse o contrato de obra entre o Sergas e a empresa Acciona Infraestructuras.

O xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa, visitou esta mañá os terreos onde se edificará este centro de saúde, acompañado do alcalde de Cambre, Manuel Rivas Caridad, da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e do director de Procesos sen Ingresos e Urxencias da xerencia de Xestión Integrada da Coruña, Alfredo José Silva Tojo.

O importe da obra é de 2,1 millóns de euros e ten un prazo de execución de 9 meses. A construción do centro está cofinanciada ao 50% por fondos do Estado, dentro do Plan de desenvolvemento rural sustentable.

Os espazos máis importantes recollidos no programa funcional do centro, que contará cunha superficie de ao redor de 1.700 m2, son, na área de medicina xeral e enfermería, 6 consultas de medicina xeral e 4 de enfermería; unha para a matrona; unha sala de educación maternal; unha consulta de docencia; unha consulta de fisioterapia e unha sala de fisioterapia con 4 cabinas de tratamento; unha sala de extraccións, outra para técnicas e unha máis polivalente, ademais do despacho para o coordinador.

Na área de pediatría, disporá de dúas consultas de pediatría e outra de enfermería pediátrica. A todo o anteriormente sinalado haberá que engadir a área de administración, o arquivo, os almacéns e outros servizos comúns.

27 de marzo de 2015 | 18:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.