O Sergas considera errática a política de persoal de Povisa
O xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, cualificou este mércores de “errática” a política de persoal do hospital concertado Povisa, pero valorou que as condicións de estabilidade e de emprego recollidas no concerto coa Xunta “están a cumprirse”. Así o manifestou na Comisión de Sanidade en resposta a unha pregunta do Grupo do BNG sobre a política de persoal de Povisa. Fernández-Campa apuntou que, de acordo cos datos do Sergas, cando se asinou o concerto “184 contratos eventuais pasaron a carácter fixo”, alcanzando a case “o 80 por cento” do persoal de Povisa.
Neste sentido, apuntou que en 2006 había 1.307 persoas contratadas e en setembro de 2014 o cadro de persoal tiña 1.470 traballadores, o que supuxo un aumento do 79,7 por cento, segundo precisou.
En concreto, explicou que os facultativos pasaron de 171 en 2006 a 261 en 2014, un 53 por cento máis; mentres que o persoal de enfermaría de Povisa aumentou de 291 a 375 no mesmo período, un 29 por cento máis. “Os datos de estabilidade e condicións de emprego están a cumprirse”, afirmou o xerente do Sergas, que engadiu que se incrementou “o número de traballadores e as condicións de estabilidade” entre 2006 e 2014.
A deputada do BNG Montse Prado definiu como “pousada e triste” a situación do persoal de Povisa e insistiu no “claro déficit de infraestruturas” na área sanitaria de Vigo, lembrando, ademais, que “este centro triplica as listas de espera da media dos centros galegos” do Sergas.
Prado apuntou, así mesmo, que Povisa “pasou de ter 1.470 traballadores en catro anos a 1.350” e denunciou a “redución de xornada” feitos que, segundo considerou, “deberían facer saltar a alarma a quen ten un concerto”.
Por iso, ante a pregunta da deputada do Bloque sobre se se cumpren os estándares de calidade recollidos no concerto, o xerente do Sergas destacou o incremento de contratos fixos con respecto a 2006. “Non falei da política de persoal de Povisa nin dixen que fose acertada. Paréceme errática”, aseverou na súa réplica final, en relación á presentación dun ERE e a retirada posterior, tras o que o hospital concertado despediu a 13 traballadores.
TRANSPARENCIA
Ante as críticas de “escurantismo” sobre o concerto realizadas polo BNG, o xerente do Sergas lembrou que “durante o procedemento publicáronse os pregos” e subliñou que o mesmo “está colgado na páxina web”. “É un documento ao que pode acceder calquera cidadán sen ningún problema”, apostilou.
Ademais, destacou a “preocupación” do Sergas polo persoal de Povisa. “Reuninme tres veces co comité de persoal de Povisa”, sinalou Fernández-Campa.
“Estamos a pensar nesas persoas, temos que seguir traballando con eles”, precisou, para trasladar a disposición da Xunta a reunirse co comité de persoal. Por todo iso, concluíu que van tratar de levar a cabo estas actuacións da forma máis adecuada posible”.











