O Sergas asina o contrato para a construción do centro de saúde do Temple-Cambre
A directora xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, Lourdes Vilachán, e o representante da empresa Acciona Infraestructuras, José María Farto, asinaron hoxe, no Edificio Administrativo da Consellería de Sanidade, o contrato para a construción do centro de saúde do Temple-Cambre (A Coruña), cofinanciado ao 50% por fondos do Estado, dentro do Plan de desenvolvemento rural sustentable. O importe da obra é de 2,1 millóns de euros e un prazo de execución de 9 meses.
Os espazos máis importantes recollidos no programa funcional do centro, que contará cunha superficie de ao redor de 1.700 m2, son, na área de medicina xeral e enfermería, 6 consultas de medicina xeral, 4 de enfermería, unha para a matrona, unha sala de educación maternal, unha consulta de docencia, outra de fisioterapia, unha sala de fisioterapia con 4 cabinas de tratamento, unha sala de extraccións, outra para técnicas e unha máis polivalente. Ademais do despacho para o coordinador.
Na área de pediatría, disporá de dúas consultas de pediatría e outra de enfermería pediátrica.
A todo o anteriormente sinalado haberá que engadir a área de administración, o arquivo, os almacéns e outros servizos comúns.