O Rio Natura Monbus Obradoiro cae na prórroga ante Gipuzkoa Basket

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

O Gipuzkoa Basket Club impúxose nun partido espectacular. Remontadas, triplos, nervios e moita tensión. Todo iso viviuse esta tarde no San Sebastián Arena. Cando parecía que a vitoria tiña clara cor local, o Rio Natura Monbus obrou unha sensacional remontada que lle permitiu ter bóla de partido: dous tiros libres no último segundo. Ambas as dúas tentativas saíron chuspidas polo aro e, con elas, as opcións de triunfo do club obradoirista.

De pouco serviu a estelar actuación de Alberto Corbacho. Con 32 puntos e un elevado acerto dende a liña de tres, forzou a primeira prórroga e a punto estivo de mandar o encontro ao segundo tempo extra cun lanzamento á desesperada dende campo propio. O aleiro mallorquino capturou ademais dous rebotes e repartiu tres asistencias, para rematar con 33 de valoración.

O Gipuzkoa Basket contou nas súas filas coa mellor versión de Ioann Iarochevitch. O belga foi clave durante toda a tarde. Na primeira metade, para impedir que o Rio Natura Monbus Obradoiro confirmase a súa escapada e, na segunda, para lanzar ao Gipuzkoa cara á vitoria.
Conta a historia que os partidos no San Sebastián Arena son apertados sempre, imposibles de decantar ata o último suspiro. Esta entrega non foi unha excepción, e tanto Gipuzkoa Basket coma Rio Natura Monbus Obradoiro brindaron un espectáculo moi apreciado pola afección que se deu cita en Illumbe.

Todo iso despois dun inicio espeso, coas dúas escuadras conscientes do moito que había en xogo. Isto propiciou os primeiros erros, con perdas e fallos duns e outros. Encontrou antes a vía da canastra o Rio Natura Monbus, pero reactiváronse pronto os de Jaume Ponsarnau, da man de Will Hanley, que anotou sete dos once primeiros puntos dos gipuzkoanos.

Moveron o banco os dous adestradores, procurando un maior dinamismo en ataque. Encontrouno Moncho Fernández na figura de Corbacho. O mallorquín tardou pouco en afinar o seu canón dereito, cun 3 +1 primeiro e outro triplo pouco despois para culminar un parcial de 0-10 e pechar o primeiro cuarto (11-21).

Co paso dos minutos e coa entrada de Iarochevitch mellorou o GBC. Apertou filas en ataque e logrou mellores seleccións de tiro. O á-pivote irrompeu en escena acertado, con catro triplos practicamente seguidos, e 14 puntos nestes dez minutos. Resistiron os galegos ás acometidas locais, con Corbacho primeiro e cun gran Rafa Luz a continuación. O base moveu ao equipo e chegou ata as oito asistencias, ademais de 13 tantos, que lle levaron ata os 23 de valoración. Pouco a pouco reduciu a diferenza o combinado donostiarra, ata deixar o envite en catro puntos no intermedio (35-39).

Os gipuzkoanos seguiron acertados na reanudación, e cada vez máis solventes na retagarda. Isto xerou desconcerto e dúbidas ao Rio Natura Monbus Obradoiro, que se desintegrou en defensa, superado pola efectividade dos locais. Hanley, Grimau e Jordan lideraron a fuga do GBC, sabedor da importancia de deixar encarrilado canto antes o choque.

Coqueteou cos dez puntos de colchón, e Doblas conseguiu estiralo mesmo ata os doce. Foi entón, cando se viu entre a espada e a parede, cando o Rio Natura Monbus Obradoiro sacou non se rendeu para poder competir o partido ata exhalar o último alento. A maxia de Corbacho e Waczynski, que comezaron a bombardear o aro vasco dende o 6’75, reactivou a escuadra galega que volveu recuperar a iniciativa.

Restaban pouco máis de dous minutos, e outra vez o Rio Natura Monbus Obradoiro víase envolto nun final taquicárdico. Sete días despois do encontro contra o FIATC Joventut, os galegos estaban a disputar outra partida de ruleta rusa.

Un triplo de Grimau e o seu posterior acerto dende a liña de persoal, pareceron poñer fin á efervescencia galega. A falta de 20 segundos, despois dun último tempo morto de Moncho Fernández, Corbacho sacouse da chistera un novo tiro atinado dende a distancia para asinar as táboas. Defendeu ben entón o equipo santiagués, provocando a perda de Dean, e tendo a vitoria na súa man. Pumprla recibiu falta no último segundo, e dispuxo de dous intentos para sentenciar ao GBC. O cargador estaba baleiro. Os tiros libres non entraron e o encontro decidiuse na prórroga.

No tempo extra axigantouse Jared Jordan, con dous triplos que fixeron estalar a Illumbe (94-87). Con Kleber, Adam e Rafa apelou á épica o Rio Natura Monbus Obradoiro. Grimau visitou a liña do tiro libre e lentamente continuou apagando o sono obradoirista. Inténtoo Corbacho, dende campo propio, e non estivo lonxe de conseguilo, pero a vitoria, rematou quedando en San Sebastián.

8 de marzo de 2015 | 15:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.