O Rio Natura Monbus Obradoiro asina unha exhibición para a historia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+
Encontro Obradoiro - Murcia

Encontro Obradoiro – Murcia

O Rio Natura Monbus Obradoiro recuperou o seu encanto para sumar a décima vitoria do campionato. Nun partido memorable, no que todo lle saíu ben á escuadra de Moncho Fernández, os galegos reencontráronse coa súa esencia e impuxéronse ao UCAM Murcia (104-52).

Foi unha noite máxica. Inesquecible para os obradoiristas que poboaron Sar. Unha festa dende os prolegómenos, cando as penas do Rio Natura Monbus Obradoiro en nome de toda a afección recibiron de mans de Nacho Doria o premio á “Mellor Afección” da Liga Endesa concedido pola revista Gigantes do Basket.

Tratouse dunha actuación coral na que brillaron todos, dende o primeiro ata o último dos xogadores locais que tiveron minutos, e que chegaron ata os 152 de valoración. Entre eles, Adam Waczynski, demoledor dende a liña de tres (5/6), autor de 24 puntos e 28 de valoración. Igualmente sobresaíntes estiveron Kleber, Pumprla ou Rafa Luz, con todos valorando por enriba de 20.

Non obstante, o inicio da contenda non auguraba unha noite de grandes díxitos no marcador. Comezaron impoñéndose as defensas, no duelo estratéxico formulado polos dous mariscais galegos: Moncho Fernández e Diego Ocampo. O Rio Natura Monbus triangulou moi ben, pero mostrouse desacertado á hora de executar os tiros. Non obstante, a retagarda obradoirista empezou a edificar un muro que remataría por ser insuperable para o combinado pimentonero. Rafa, Maxi e Pavel mostráronse moi activos de mans, provocando as perdas murcianas.

Da man dun gran Rafa Luz, que vive o mellor momento da tempada, e co reinventado Alberto Corbacho, o Rio Natura Monbus iniciou a súa fuga, culminada por un mate de Pavel Pumprla que poñía a primeira gran vantaxe no luminoso. O conxunto santiagués estivo pletórico durante todo o encontro, moi batallador dende o inicio, non dando nunca un balón por perdido. Sar agradeceu o esforzo dun faxador Maxi Kleber, que tras irse polos chans habilitou a Pepe Pozas para que axustizase de tres. Os murcianos quixeron reaccionar, facendo gala do seu bo estado de forma, endosando un parcial de 0-8 para pechar o primeiro cuarto (18-13).

Ante a baixa por lesión de Haris Giannopoulos, Moncho Fernández probou con dúas bases en cancha: primeiro Rafa e Pozas para deseguido dar protagonismo a Fran Cárdenas, que pouco tardou en impoñer o seu ritmo e conectar con Daniel Miller. O UCAM Murcia encomendouse á puntaría dos seus pistoleiros, e mantívose en partido grazas ao acerto do veterano Cabezas. O base cravou tres triplos consecutivos, pero encontrou réplica nun intratable Adam Waczynski. O polaco atreveuse con todo, e sumou indistintamente de dous e de tres, nunha das súas mellores versións do ano. Tamén Miller se sumou á festa, poñendo o broche de ouro a unha gran primeira metade cun soberbio tapón (42-34).

Na reanudación viuse a mellor versión do Rio Natura Monbus Obradoiro esta tempada. Cimentada nunha gran defensa, que só permitiu 18 puntos da Murcia en toda a segunda metade, os homes de Moncho Fernández gustáronse á contra e non perdoaron tras mover o balón a unha velocidade endemoñada. Corbacho emerxeu con tres triplos, cada cual máis espectacular, poñendo de pé un Sar que o recoñeceu a súa grande actuación de hai sete días en Illumbe. O mallorquino sumou 13 tantos no terceiro cuarto para un total de 20 cos que pechou a contenda.

Co Rio Natura Monbus Obradoiro abrindo unha brecha insalvable no marcador, o público estalou de xúbilo cun triplo dende a esquina de Pumprla. A afección levou en volandas o checo xa dende a presentación, e despediuno cunha estrondosa ovación cando Moncho Fernández o substituíu nos últimos compases. Os locais foron chispas, saíndo a morder tras cada recuperación – un total de 13 – ofrecendo espectáculo cun grande alley-oop coa rúbrica de Pumprla e Kleber. A asfixiante presión a toda cancha non cesou en todo o encontro, e os murcianos unicamente encontraron acubillo na envergadura de Antelo e Gerald Lee (73-42).

Nin sequera nos últimos dez minutos os galegos rebaixaron o seu nivel de concentración. O Rio Natura Monbus cargou moi ben o rebote, reducindo a nove as segundas oportunidades das que dispuxo o UCAM, e con Maxi Kleber moi activo na batalla baixo os taboleiros. O alemán reencontrouse coa súa mellor versión e foi crecendo co transcorrer dos minutos, especialmente tras o seu primeiro acerto. O á-pivote quitouse un peso de enriba e volveu marabillar ao respectable, atacando o aro e saíndo vitorioso da maioría dos lances.

O crecente Miller e o MVP Waczynski redondearon unha noite histórica para sumar a décima vitoria do curso (104-52). O Rio Natura Monbus Obradoiro recuperou a súa esencia e con ela volveu o sorriso. O conxunto galego dá un paso de xigante na loita polo seu grande obxectivo, e pon o punto de mira no seu próximo compromiso, o sábado ante o Montakit Fuenlabrada.

15 de marzo de 2015 | 18:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.