O PSOE de Ordes insta á Xunta a resolver os problemas dos galegos retornados de Venezuela para cobrar as súas pensións
O grupo municipal socialista de Ordes vén de presentar unha moción para o seu debate no pleno de mañá xoves 26 de marzo na que insta á Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia a tomar as medidas necesarias para solucionar os problemas que están a sufrir os galegos retornados de Venezuela á hora de cobrar as súas pensións. Os socialistas de Ordes denuncian que este colectivo estase atopando con serias dificultades para percibir as súas pensións, a pesar da existencia dun convenio de colaboración entre España e Venezuela.
O voceiro municipal socialista, Xesús Pedreira, indica que “ademais dos atrasos que se producen no cobro das pensións, nalgúns casos de varios meses, resulta que teñen que aturar as elevadas comisións que cobra a entidade bancaria pola tramitación e o mantemento da conta. Unhas comisións e gastos bancarios que nalgúns casos fixeron que o perceptor da pensión quedara mesmo debedor coa entidade financeira”. Por iso, os socialistas pediranlle ao Pleno de Ordes que inste á Consellería de Presidencia a tomar as medidas que permitan solucionar o problema.
Rexistro civil e denuncia ao ADIF
Por outra banda, os socialistas pedirán tamén ao pleno municipal que solicite ao Goberno de España a derogación das disposicións que poñen en cuestión o mantemento do Rexistro Civil coma un servizo público, gratuíto e achegado á cidadanía. “Está claro que con esta modificación o Goberno de Rajoy só consegue afastar un servizo público da sociedade e crearlle un custe adicional aos cidadáns, entregándollo aos rexistradores mercantís despois do cuantioso gasto efectuado con cargo ao diñeiro público para dixitalizar e informatizar os rexistros”.
Finalmente, os socialistas solicitarán que se denuncie no Seprona a situación do antigo camiño de ferro de RENFE ao seu paso polo Concello de Ordes para que obrigue ao seu propietario, o ADIF, á súa limpeza en conservación. “Levamos máis de dous anos denunciando que esta vía é utilizada como vertedoiro pero non se fixo nada. Esta antiga vía está chega de vexetación alta, con risco de lume, e con pequenas cantidades de lixo doméstico”, denuncia Xesús Pedreira. Ademais, o grupo socialista pedirá que se peche todas as noites o cemiterio do Piñeiro, xa que se están a producir roubos nas lápidas de metais das lápidas, placas y accesorios funerarios. Unha situación que xa foi denunciada polos veciños no Concello pero á que non se lle deu resposta algunha.











