O PSOE de Ordes insta á Xunta a fixar prazos para rematar a concentración parcelaria de Parada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrdes
A-
A+

O grupo parlamentario socialista vén de presentar no Parlamento Galego unha iniciativa para instar á Xunta de Galicia a fixar prazos para rematar a concentración parcelaria de Parada II, iniciada en 1991 e na que nada se ten avanzado nos últimos oito anos. Unha iniciativa presentada polos deputados Pablo García García, Raúl Fernández Fernández e José Ramón Val Alonso a instancias do secretario xeral dos socialistas de Ordes, Xesús Pedreira, quen lembra que “os veciños de Parada xa están desesperados, non só polo atraso que acumula esta concentración senón porque están nunha fase na que nin teñen as súas propiedades orixinais nin as concentradas. Están nun limbo sen definir, o cal é moi duro”.

“A inseguridade xurídica, a falla de propiedade real, unhas pistas de concentración parcelaria que se deterioran cada ano que pasa… fan que cando o proceso remate xa non poida ser suficientemente optimizado polos veciños”, denuncia Pedreira Mirás, quen confirma que “este atraso de 26 anos ocasiona a indignación dos veciños e veciñas afectados que non só sofren ese proceso tan longo coas eivas que iso leva consigo, senón que non contan con ningún tipo de horizonte para poder facer as súas previsións”.

Por iso, a iniciativa dos socialistas insta á Xunta de Galicia a adquirir un compromiso para o remate da concentración parcelaria de Parada II. Ademais, solicitan da Xunta que se informe que investimentos vén facendo neste proceso nos últimos seis anos e cal é a previsión para os próximos orzamentos. Neste sentido, Pedreira Mirás lembra que esta parcelaria “tivo un impulso importante durante o bipartito pero dende aquela non se fixo nada”.

Finalmente, os socialistas admiten que é certo que os procesos de concentración parcelaria son longos por si mesmos e que en moitos casos contan con dificultades legais que fan que o proceso se alongue aínda máis, aínda que iso non é escusa para que os procesos veñan durando de media case 20 anos. 26 anos no caso de Parada. Uns atrasos que atribúen á política levada a cabo polo Partido Popular de abrir procesos sen discriminar, sen priorizar, sen ningún tipo de continuidade orzamentaria, o que fai que en moitos casos isto supoña un atranco e un freo para moitas explotacións agrogandeiras e para os habitantes das zonas afectadas en xeral.

10 de marzo de 2015 | 18:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.