O Prone Lugo F.S. non pode evitar o seu descenso a segunda división

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurelaDeportesLugo
A-
A+
Encontro Prone Lugo - Burela

Encontro Prone Lugo – Burela

Buscaba o Prone Lugo F.S continuar con vida na Primeira División a falta de seis xornadas para finalizar a tempada, facíao no derbi provincial ante un Burela Pescados Rubén que buscaba esgotar as súas opcións de finalizar a liga entre os oito primeiros da clasificación. O equipo de Manolo Vázquez chegaba con baixas á cita, pois Nacho Pedraza e Diego Núñez perdíanse o partido por lesión e Óscar Iglesias por decisión técnica, polo que ante a ausencia de Nacho Pedraza, os once da convocatoria eran da casa, nun partido no que o Prone sabía que non gañar supoñía ser equipo de Segunda División.

Empezaron ben os dous equipos, que trataban de analizar ao rival sen poñer en perigo os seus porterías, ata que no minuto 4 Javi Río atopou o camiño do gol para bater a Alex, o tanto levaba a alegría á bancada local que vía un raio de esperanza, pero pouco durou esa alegría pois segundos máis tarde Chano igualaba novamente o partido. Sería o propio Chano quen se ía a encargar de romper a igualdade, e así no minuto 7 poñía o 1-2 no marcador, resultado que non se movería ata os instantes finais da primeira metade, malia que ambos equipos dispuxeron de claras ocasións para facer gol, pero os porteiros mostráronse moi inspirados. Sería Bellvert a falta de menos de medio minuto para o final quen lograría bater a Illi para poñer o 1-3 no marcador e dar un novo mazazo ao Prone.

Nos primeiros compases da segunda metade parecía que o descanso sentara ben ao Prone, pois dispuxo de boas ocasións para recortar distancias, incluída unha contra que non souberon executar ben, pero todo foi un espellismo, pronto os de Juanlu Alonso tomaron o mando do partido no que ao xogo refírese, e así no minuto 27 Matamoros batía a Illi para complicar máis as cousas aos lucenses, lonxe de ver unha reacción no Prone dous minutos máis tarde Miguel volvía bater a Illi e deixaba o encontro visto para sentenza no 29 co 1-5 no marcador. O Prone intentábao pero as cousas unha e outra vez parecían non querer saír ben aos lucenses, que estaban a mercé dun Burela que volveu golpear no minuto 31 con dous novos goles de Behroz, para levar o marcador ata o 1-7 inalcanzable para o Prone. Unha das notas negativas da tarde chegaba no minuto 33 coa lesión de Rubén Mouriz, que tiña que abandonar a pista en padiola. No minuto 35 o Prone obtería os froitos á súa insistencia ante a meta de Alex cun gol de Alex Diz que colocaba o 2-7 no marcador. O propio Alex Diz realizaría un minuto máis tarde unha xogada de moito mérito pero o seu remate marchábase a poucos centímetros do pau da portería de Alex. A falta de menos de medio minuto para o final do partido Javi Río lograba marcar o seu segundo gol da tarde, para deixar o marcador no definitivo 3-7, un gol triste que non servía para evitar o descenso do Prone Lugo F.S. á Segunda División do futbol sala.

7 de marzo de 2015 | 20:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.