O programa terapéutico para menores con problemas de conduta atendeu 460 casos
O Programa de avaliación e tratamento terapéutico de menores en situación de desamparo atendeu, desde a súa posta en marcha en 2012, a máis de 460 casos nas catro provincias, dos que o 70 por cento remataron cun resultado “óptimo” ou de “mellora suficiente”.
“Isto é, ao redor de 320 dos 467 casos teñen experimentado unha mellora importante, que afecta positivamente á calidade de vida e desenvolvemento dos nenos, nenas ou adolescentes”, explicou a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, durante a presentación en Ferrol dos resultados desta iniciativa. “Estas cifras demostran o efecto positivo da atención terapéutica, que pode converterse na mellora axuda para superar as situacións de adversidade e amosa a importancia de actuar de xeito temperá”, apuntou.
Este programa desenvólvese desde 2012 en colaboración coa Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar (UIICF) da Universidade da Coruña. Ata o momento, o departamento autonómico ten investido 360.000 euros nesta actuación (120.000 ao ano). Ademais, hoxe mesmo a Consellería vén de renovar este convenio por un importe de 140.000 euros, isto é, un 15 por cento máis.
Os destinatarios desta iniciativa son os nenos, nenas, e adolescentes cun expediente aberto polo Servizo de Protección de Menores que amosan desaxustes emocionais severos derivados de: situacións de desprotección ou maltrato; de separación da súa familia, ou da existencia de dificultades severas ou cronificadas da convivencia. Tamén son beneficiarios aqueles menores que están a executar medidas xudiciais.
Todos os casos son derivados polos equipos técnicos do servizo de protección á infancia da Consellería. Para o desenvolvemento do programa tense creado unha rede autonómica de atención terapéutica, que conta con sete dispositivos de atención especializada en cada unha das grandes cidades. Estes centros contan cun total de 21 terapeutas especialistas en psicoloxía clínica, terapia familiar e psicoterapia infantil e adolescentes.
Obradoiro de emprego
Durante a súa visita ao concello de Ferrol, Mato tamén clausurou o obradoiro de emprego “Ferrol Verde 3”, no que participaron 23 persoas desempregadas do concello de Ferrol, que se beneficiaron dun posto de traballo combinado cunha formación de calidade acreditada. De feito, todos os participantes obteñen ao remate destas iniciativas un certificado de profesionalidade de validez nacional.
A Consellería ten investido 200.000 euros neste programa, que se centrou nas especialidades de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, e de operación auxiliares en albanelería de fábricas e cubertas.
Este obradoiro deu continuidade aos outros dos programas mixtos que xa se desenvolveron no concello e que, en conxunto, posibilitaron que o lugar do Montón, con 23.000 metros cadrados, se converta nunha zona verde pública para todos os cidadáns e cidadás.
Neste sentido, Mato destacou que en 2015 se blinda a orde anual de obradoiros, que permitirá a posta en marcha de 50 proxectos. Ademais, convócase por primeira vez unha orde para menores de 25 anos –que se inclúe dentro do sistema de Garantía Xuvenil-. En total, o departamento autonómico investirá ao redor de 15 millóns de euros, que habilitarán uns 70 obradoiros.
Na súa intervención, a conselleira puxo en valor a importancia da colaboración entre a administración autonómica e os concellos, unha liña de actuación que seguen tamén outras iniciativas como o novo programa de formación dual destinado á contratación de menores de 30 anos desempregados. Nestes contratos, establécese un mínimo do 25% da xornada dedicada á formación. Actualmente, 188 traballadores de 21 concellos e unha mancomunidade están contratados a través da formación dual.
Investimento en Ferrol
Ao respecto, Mato fixo fincapé na colaboración que este departamento autonómico mantén co concello de Ferrol, tanto no eido do emprego como no social. Así, lembrou que en 2014 investíronse uns 2,7 millóns no eido social (mantemento de escolas e centros de día, servizo de axuda no fogar…) e máis de 600.000 euros no ámbito laboral.
A conselleira salientou que esta colaboración entre ambas administracións lévase fortalecendo desde 2009. En concreto, tendo en conta só os grandes investimentos, o orzamento en materia de emprego en Ferrol ascende a 22,7 millóns nos últimos seis anos, e a 37 millóns na área de benestar.
Residencia de Caranza
En resposta ás preguntas dos medios de comunicación sobre as obras da residencia de Caranza, a conselleira aclarou que o orzamento para estes traballos “segue intacto” no departamento, e que o obxectivo é reactivar a obra o antes posible, “pero antes hai que cumprir os trámites administrativos”, tras ter que realizar un modificado da obra. Actualmente, estase na fase de avaliación de alegacións presentadas pola empresa adxudicataria, no marco do proceso de resolución de contrato.











