O presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz presenta a súa candidatura para Compostela Aberta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press
Manuel Dios Diz

Manuel Dios Diz

Manuel Dios Diz, mestre, licenciado en Xeografía e Historia, presidente do Seminario Galego de Educación Para a Paz e da Asociación Española de Investigación para a Paz, presentou este luns a súa candidatura para as primarias de Compostela Aberta.

Entre as súas motivacións, Dios Diz recorda que no mandato municipal “da infamia” na capital galega, no que dimitiron dous dos seus alcaldes -os populares Gerardo Conde Roa e Ángel Currás-, entrou a formar parte activa da plataforma participando nas súas asembleas e debates, sendo un dos seus covoceiros.

Colaborou na redacción do manifesto fundacional, dos principios de funcionamento e activamente na campaña ‘Que Concello Queres’, así como na redacción do código ético e o regulamento de primarias abertas. Tamén participou nas conversacións con outras forzas para que apoiasen a plataforma e coordinou o grupo de traballo de universidade e ensino.

Neste escenario, ratificou que comparte os obxectivos de Compostela Aberta e a idea de “empoderar” á cidadanía para “auditar e limpar” a Casa do concello “de podremia e indignidade” a través da vitoria nas eleccións municipais do próximo mes de maio.

Identifiqueime co proxecto de Compostela Aberta mesmo nos momentos en que case ninguén daba un duro por ela”, recorda Dios Diz, quen esgrimiu que defendeu e defende” a elección da candidatura e a súa ordenación en función dos votos emitidos pola cidadanía en primarias abertas coa “única” corrección de xénero.

“Creo na soberanía das persoas e na súa sabedoría para escoller os mellores equipos”, sentenciou o aspirante, quen afirma ter achegado “todo o que sabe” para que a plataforma fose “unha realidade solvente, capaz de xerar ilusión e confianza, na seguridade de que é imprescindible romper coas vellas formas de facer política e empoderar á cidadanía para dirixir e defender con sentido os intereses do público e do ben común”.

“SEN MÁIS ADSCRICIÓN” QUE A PROPIA PLATAFORMA

De ser elixido como membro da candidatura de Compostela Aberta para gañar o concello se comprometeu “non só a cumprir o Código Ético”, senón tamén a poñer, “dende a defensa dos valores cívicos e democráticos, e dende a ética pública, con honestidade,” toda a súa experiencia e traballo para “facelos realidade” na capital galega.

“Presento a miña candidatura como persoa individual, tal e como me incorporei a Compostela Aberta, libremente, sen máis adscrición que a propia Compostela Aberta, e prometo que deixarei todos os cargos de representación política, profesional e social, dos que non percibín nin percibo remuneración ningunha, se resultase elixido”, resolveu.

PERFIL

Nacido en Santiago, na Rúa da Troia, en 1953, onde viviu ata os 18 anos, Manuel Dios Diz defínese como “un picheleiro”. Casado, cunha filla e unha neta, é mestre dende 1976 e licenciado en Xeografía e Historia.

Dios Diz afirma que sempre tivo tres “grandes” preocupacións: a educación, o activismo sindical e nos movementos sociais, e o pacifismo.

En 1985 promoveu e fundou o Seminario Galego de Educación para a Paz, do que é presidente. Dende 2013, preside tamén a Asociación Española de investigación para a Paz.

9 de marzo de 2015 | 11:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.