O PPdeG cre que as dúbidas sobre o xuízo aos edís de Santiago quedan xustificadas
O voceiro do PP galego, Miguel Tellado, considerou que o auto co que a Audiencia Provincial da Coruña absolve aos sete concelleiros de Santiago “vén a confirmar que as dúbidas denunciadas” polos populares no proceso xudicial “eran máis que xustificadas”.
Os populares galegos emitiron un comunicado este xoves para valorar os dous autos xudiciais que transcenderon nos últimos dous días, o referido á exvoceira do PP galego, Paula Prado, e o coñecido este mesmo xoves en relación aos sete edís que foron condenados en primeira instancia a un delito de prevaricación pola autorización o pagamento da defensa doutro concelleiro, imputado na ‘Operación Pokémon’.
Tellado destacou que estes dous autos xudiciais “en menos de 24 horas, veñen a acreditar a honorabilidade da súa predecesora no cargo, así como a inocencia dos sete concelleiros de Santiago”.
O voceiro dos populares sinalou que os edís foron declarados culpables nun xuízo “que xerou moitas dúbidas” e en “véspera dunhas eleccións”.
“Declararon a semana antes do inicio da campaña das europeas e foron condenados poucos días despois”, recordou Tellado, para quen o auto absolutorio da Audiencia Provincial da Coruña “confirma que as dúbidas denunciadas polo PPdeG nese proceso eran máis que xustificadas e rearbitra o procedemento acreditando a inocencia dos concelleiros populares acerca dos feitos xulgados”.
“CONDENA POLÍTICA”
No caso de Paula Prado, sinala, “a condena non chegou a ser xudicial, pero si política”. O PP galego denuncia que “partiu dunha instrución que camiñaba paralela nun xulgado de Lugo e nos medios de comunicación a través de filtracións interesadas co único interese de desgastar a imaxe dun cargo relevante do partido”.
“Non sabemos quen filtraba, pero si para que”, sinalou o voceiro do PP galego, quen se pregunta “quen repara a honorabilidade destas persoas, a imaxe do cal foi danada ante a opinión pública baseándose en interpretacións xudiciais que agora resulta non ser adecuadas”.
O dirixente popular cre que os que quixeron usar os xulgados para “fustrigar determinados cargos do PPdeG deberían desculparse e asumir a súa indignidade”. “Hai partidos políticos que quixeron crecer ensuciando o nome doutras formacións”, asegura.
O voceiro popular quere expresar o recoñecemento do partido ás persoas que “tanto sufriron por decisións de determinados órganos xudiciais agora modificadas”, así como reivindicou “unha honorabilidade manchada neste caso por erros xudiciais, pero non por actuacións propias contrarias a dereito”.
Finalmente, Tellado considera que “partidos, cidadáns e medios de comunicación” deben “redobrar o seu respecto pola presunción de inocencia e eviten precipitarse antes de condenar socialmente alguén”.











