O PP rexistra a solicitude de pleno extraordinario para que o alcalde de Vigo explique os supostos ‘enchufes’
O Grupo Municipal do PP no Concello de Vigo presentou este xoves no rexistro da casa do concello a solicitude formal para a celebración dun pleno extraordinario, no que o alcalde, Abel Caballero, dea explicacións sobre supostas contratacións de persoal irregulares que están sendo investigadas por un xulgado (que imputou a tres funcionarios e a unha familiar do tenente de alcalde, Carmela Silva).
Na solicitude, asinada polos 12 edís do PP (segundo o regulamento, sería suficiente con que o solicitasen 7 concelleiros, unha cuarta parte da Corporación), exponse que o único punto da orde do día debe ser a comparecencia do alcalde “para dar explicacións” sobre “supostas contratacións irregulares” que están sendo investigadas, e as medidas de control para evitar esas situacións.
Así mesmo, proponse instar o goberno municipal a que “adopte as medidas oportunas” para esixir responsabilidades a quen provocara esta situación”. O voceiro municipal, José Manuel Figueroa, esixiu a Caballero que “renda contas” antes os cidadáns e “non se siga escondendo e eludindo a súa responsabilidade”.
Segundo o regulamento do Pleno, o alcalde ten catro días hábiles, dende que se rexistra a solicitude para convocar esa sesión extraordinaria, e 15 días hábiles para a súa celebración. No regulamento tamén se recolle que a exclusión dalgún punto da orde do día debe estar motivada na falta de competencia do Pleno para a adopción dos acordos propostos.
O Xulgado de Instrución número 7 de Vigo (o mesmo que dirixe a Operación Patos) investiga a suposta contratación irregular nunha concesionaria que xestionaba os centros cívicos municipais. Neste caso hai catro imputados, a cuñada de Carmela Silva, un xefe de servizo do Concello, o actual interventor e o seu predecesor (están citados a declarar o próximo 26 de marzo).
BNG
O Grupo Municipal do BNG mostrou o seu respaldo á celebración deste pleno, aínda que lamentou que o PP “estivo calado” durante meses, mentres o alcalde non se pronunciou publicamente sobre as investigacións xudiciais por suposta corrupción que afectan ao Concello olívico (‘Operación Patos’, imputación do edil Ángel Rivas e investigación de supostos ‘enchufes’).
A voceiro nacionalista, Iolanda Veloso, recordou que o seu grupo foi “o único” que pediu explicacións a Caballero formalmente en sesión plenaria, e acusou o rexedor de, co seu silencio, demostrar “moi pouco respecto democrático á Corporación e á cidadanía”.
Na mesma liña, o candidato do BNG á Alcaldía, Serafín Otero, criticou a “covardía política” do goberno municipal por “non dar a cara”, e recordou que, á marxe de responsabilidades no ámbito da xustiza, “hai unha situación moral e unha situación política”.
Preguntado por esta solicitude de Pleno, o alcalde Abel Caballero respondeu aos xornalistas que se remitía ás súas declaracións do mércores, nas que contestou aos medios cun “nada que dicir”.