O PP lucense pide a medalla de ouro da cidade para Francisco Cacharro
O Grupo Municipal do PP de Lugo pediu a medalla de ouro da cidade para Francisco Cacharro Pardo, que fora ‘barón’ provincial durante a época de Manuel Fraga e presidente da Deputación durante 24 anos, que faleceu este domingo.
Os populares consideran “xusto e oportuno” que se recoñeza a traxectoria política de quen “mostrou sempre un compromiso decidido” por Lugo e os lucenses.
Entre os “fitos” da súa acción de goberno, o voceiro popular no Concello, Jaime Castiñeira, recorda “o impulso firme” polo Campus da cidade, a súa “aposta real” polo Paseo do Rato e o cinto verde. “O promotor dunha iniciativa que nos sitúa á vangarda como o hospital veterinario Rof Codina”, engadiu.
Así mesmo, remarcou o seu papel na defensa e reivindicación do patrimonio histórico, cultural e natural do municipio.
O voceiro popular destacou a “enerxía e decisión por mellorar a vida de Lugo e os lucenses” que caracterizaron “sempre” ao que foi concelleiro da corporación entre 1979 e 2007.
Nesta liña, os populares esperan que PSOE e BNG mostren “a altura de miras necesaria ante unha figura política que, con independencia das súas siglas, foi coñecida e recoñecida dentro e fóra de Lugo”.