O PP de Vigo non descarta ningunha acción para que Caballero explique os supostos ‘enchufes’
O PP de Vigo advertiu este martes de que non se vai “quedar calado”, tras coñecer que non se celebrará o pleno extraordinario sobre o suposto ‘enchufe’ da cuñada de Carmela Silva e a imputación de tres funcionarios, e sinalou que vai seguir insistindo para que o alcalde, Abel Caballero, compareza no pleno e expliquei “que está a pasar coas contratacións no Concello”.
Así o avanzou o concelleiro e secretario local do partido, Michel Fidalgo, quen recalcou que a negativa do alcalde a convocar o pleno, amparándose nun informe do secretario, é un “feito moi grave”, e “é a primeira vez que acontece na historia do Concello”.
Fidalgo, quen ten recalcado que o PP respecta “ao máximo” o traballo da Xustiza e a presunción de inocencia dos catro imputados por supostas irregularidades na contratación de persoal nunha concesionaria municipal, lamentou que a negativa do alcalde a ofrecer explicacións ante a Corporación non fai senón incrementar as dúbidas” dos cidadáns.
“Isto quere dicir que ao alcalde non lle interesa que os vigueses saibamos o que está a pasar no Concello co asunto das contratacións, porque está claro que algo está a pasar,” sinalou.
O edil popular criticou que Caballero utilice o informe do secretario como “escusa”, e preguntouse “que ten” que “esconder”. “Temiámonos que ía buscar algún subterfuxio e esconderse detrás da declaración do secretario”, indicou.
“CHEGAR ATA O FINAL”
Ante a negativa de Caballero de convocar o pleno, o PP anunciou que insistirá en pedir “explicacións e responsabilidades” e que, ou ben repite a solicitude dunha sesión extraordinaria matizando a redacción do escrito, ou ben recorrerá a outras medidas, como a petición de que cre unha comisión de investigación.
“O PP non se vai quedar calado, non imos quedar coa negativa por resposta. Non imos parar, imos chegar ata o final”, sinalou Fidalgo, quen reiterou que “Caballero non pode estar” nin “un minuto máis dicindo aos vigueses que non hai nada que dicir”.