O paseo das Ninfas estará pechado as próximas dúas fins de semana por motivos de seguridade
As obras da EDAR de Ourense, actualmente en fase de execución, provocarán o corte ao acceso da cidadanía ao Paseo das Ninfas -na marxe esquerda do río Miño- as próximas dúas fins de semana, por motivos de seguridade nas obras.
O inicio da instalación das arquetas de conexión no camiño das Ninfas conlevará o peche ao acceso, ademáis dos días laborais, os días 20, 21 e 22, 28 e 29 de marzo. A previsión dos técnicos é volver a abrir o paseo para os días festivos de Semana Santa, para continuar as obras os días laborais.
Investimento de 49 millóns de euros
As obras son resultado dun convenio asinado por Acuaes, a Xunta de Galicia e o Concello de Ourense para a execución e explotación das obras da actuación mellora do saneamento de Ourense, EDAR de Ourense.
O investimento das obras é de 49 millóns de euros, cofinanciados por tres administracións; 36.750.000 por parte da Administración Central, a través de Acuaes, 10.109.000 por parte da Xunta de Galicia e 2.141.000 por parte do Concello de Ourense.
O obxectivo da actuación é a construción e explotación das infraestruturas necesarias para completar e modernizar o sistema de depuración da cidade, mediante:
– A construción dunha nova depuradora, con capacidade de tratamento suficiente para satisfacer as necesidades de 350.000 habitantes equivalentes, o que supón o triple de capacidade da instalación actual. Poderá tratar completamente un caudal de 4.238 m3/h de augas residuais
– Prolongación do actual colector ata o bombeo de auga bruta da nova EDAR
– Demolición da actual depuradora
– Recuperación ambiental e paisaxística da marxe esquerda do río Miño, onde se ubica a planta, unha vez demolida a depuradora actual.











