publicidade hoxe

O obradoiro “Turismo Sostible III” formou a 19 alumnos en cantería e forestal en Cambados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambadosPontevedra
A-
A+
Clausura do obradoiro Turismo Sostible III

Clausura do obradoiro Turismo Sostible III

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, presidiu esta mañá a clausura do obradoiro de emprego “Turismo Sostible III” de Cambados, acompañado do alcalde da localidade, Luis Aragunde.

O obradoiro tivo unha duración de seis meses e no mesmo a Xunta investiu case 169.000 euros, “que xunto a aportación económica do concello para material e equipamento chegarán ata case os 200.000 euros”, segundo explicou Cores Tourís. O obxectivo destes cursos foi preparar a 19 alumnos, aos que hai que sumar o persoal contratado para dar formación en cantería e forestal: un director, un titor, unha administrativa e dous monitores.

As persoas desempregadas participantes como alumnado traballador percibiron o Salario Mínimo Interprofesional, 641,40 euros ao mes durante os meses que duraron estes proxectos. En Cantería formáronse 10 alumnos e en Forestal outros 9.

O alumnado traballou durante estes meses no acondicionamento e mellora do xardín dos Olmos e na renovación do contorno do lavadoiro de San roque. Tamén leváronse a cabo traballos de mellora da senda fluvial na desembocadura do Río Umia e nos espazos verdes do casco urbano. Finalmente, os alumnos levaron a cabo obras de adecuación sostible do castro de Sete Pías, así como melloras nas áreas recreativas dos centros socioculturais dos núcleos rurais.

Deste xeito, os participantes neste obradoiro de emprego recibiron hoxe os seus certificados de profesionalidade que teñen validez en todo o territorio nacional e que demostran a preparación e habilidades adquiridas, o que vai “incrementar moi significativamente” a súa empregabilidade, manifestou Cores Tourís, quen aproveitou a visita ao obradoiro de Cambados para destacar o “manifesto claro de colaboración institucional da Xunta coas entidades locais para intentar que o obradoiros de emprego teñan continuidade na creación de postos de traballo no futuro”.

De feito, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra mostrou a súa satisfacción pola clausura deste obradoiro que tivo “un obxectivo claro, dar formación a persoas desempregadas de cara a que logren reinsertarse laboralmente”.
“Dende a administración autonómica somos conscientes da importancia da formación á hora de mellorar as posibilidades da busca de emprego, polo que seguiremos a apostar por este tipo de iniciativas”, engadiu.

Aos alumnos desexoulles sorte na busca de emprego e recordoulles que ademais da formación “é moi importante a labor social e de beneficio dos veciños realizada durante estes meses, xa que o voso traballo permitiu mellorar diversas zonas da cidade”.
Pola súa banda, o alcalde de Cambados, Luis Aragunde foi da mesma opinión, destacando que os propios veciños lle comentaron o gran traballo realizado polos alumnos deste obradoiro. “Estamos moi satisfeitos, como tamén o estamos de que a Xunta volvese a contar con este municipio para poñer en marcha iniciativas coma estas que cumpren varios obxectivos: por un lado formar a desempregados do concello; por outro darlles un traballo durante 6 meses e finalmente, axudarnos a desenrolar importantes obras municipais”.

O delegado territorial recordou que obradoiros como o de Cambados desenvolvéronse durante estes pasados meses en varios concellos da provincia de Pontevedra cun investimento que superou os 2,5 millóns de euros. “En concreto, na provincia beneficiáronse 242 persoas en 12 obradoiros de 22 concellos que puideron contar cun emprego nun momento de crise tan tremendo como o que estamos a vivir”. No caso da comarca de O Salnés, foron 4 os obradoiros postos en marcha e que agora comezan a rematar.

En toda Galicia, a Consellería de Traballo e Benestar puxo o ano pasado en marcha un total de 53 obradoiros, que contaron cun investimento de preto de 10 millóns de euros e un número total de participantes que roldou os 1.300.

5 de marzo de 2015 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.