O obradoiro de emprego na mancomunidade ‘Santa Águeda’ formou a 21 desempregados en albanelería
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, acompañado do xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar, José Selas, participou hoxe na clausura e entrega de diplomas do obradoiro de emprego “Santa Águeda II” promovido polos concellos que integran a Mancomunidade de concellos do mesmo nome, é dicir, Amoeiro, A Peroxa, Coles e Vilamarín. Este obradoiro púxose en funcionamento o pasado mes de agosto e nel participaron 21 desempregados como alumnos de albanelería. O acto contou coa presenza dos alcaldes dos municipios que compartiron esta iniciativa.
Os alumnos que participaron no obradoiro rehabilitaron a antiga escola rural de Portocelos, en Amoeiro, para destinala a centro multiusos veciñal. No concello da Peroxa, grazas a este programa mixto de formación e emprego, rehabilitáronse a antiga fonte lavadorio de Corbelle, o forno tradicional de San Esteban, e a fonte de Reza. Polo que respecta ao concello de Coles, os alumnos reformaron as antigas escolas de Cambeo e Miegodevila para destinalas a local social. Por último, no municipio de Vilamarín executáronse traballos de rehabilitación na antiga casa cuartel de Tamallancos.
13 obradoiros na provincia
Dende o mes de agosto se están a desenvolver na provincia de Ourense 13 obradoiros de emprego nos que se agrupan 40 concellos e que benefician a un total de 339 persoas desempregadas.
O departamento autonómico que dirixe Beatriz Mato destinou a estes programas preto de 2,3 millóns de euros. Concretamente, no obradoiro da Mancomunidade de concellos de Santa Águeda Traballo e Benestar investiu preto de 187.000 euros. “Este esforzo enmárcase na aposta do Goberno galego por mellorar a calidade de vida e benestar das persoas sen emprego e para incrementar as súas oportunidades de acceder a un posto laboral”, apuntou Rogelio Martínez.
Neste senso, o delegado territorial lembrou que os alumnos reciben hoxe os seus certificados de profesionalidade, que teñen validez en todo o territorio nacional. Estes documentos demostran a preparación e habilidades adquiridas, o que vai “incrementar moi significativamente a empregabilidade do alumnado”, segundo destacou Martínez.