O novo centro de vialidade invernal de Xermade estará finalizado antes do verán
O novo centro de operacións para as tarefas de conservación e vialidade invernal de Xermade estará finalizado antes do verán. Así o adiantou hoxe o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, que xunto coa delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, visitou as obras de execución destas instalacións.
O Goberno galego, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, achega un importe de preto de 275.000 euros para a construción destas instalacións.
Este proxecto execútase no marco do contrato de conservación integral co que a Consellería de Medio Ambiente acomete os traballos ordinarios e conservación das estradas e vialidade invernal da súa titularidade na zona norte de Lugo.
O novo centro está situado nunha ubicación estratéxica para dar servizo ás principais estradas autonómicas do noroeste da provincia de Lugo: a glorieta do enlace de Cabreiros (Xermade), na confluencia da autovía Ferrol-Vilalba (AG-64) e as estradas Parga-Cabreiros (LU-170), Vilalba-Igrexafeita (LU-861) e Viveiro-Cabreiros (LU-540).
A nave contará con tres zonas diferenciadas para as diferentes actividades de conservación de estradas: unha zona de acopio de fundentes; outra zona para garaxe, taller de mantemento e posta a punto dos vehículos, almacén e planta de salmoira; e unha terceira zona para oficinas, vestiarios de persoal, almacén de pequeno material e arquivo e sala de usos comúns.
Mellora do treito Xermade- Cabreiros
Por outra parte, Francisco Menéndez, tamén lle presentou ao alcalde deste concello o proxecto redactado do ensanche e mellora da estrada LU-170, no treito Xermade (LU-P-2205) – Cabreiros (LU-861).
A actuación ten por obxecto ampliar ata os sete metros a plataforma da estrada, que na actualidade só acada os 5 metros e rehabilitar o firme do vial. O trazado definido no proxecto respecta no posible a rasante e a traza actuais, minimizando o movemento de terras.
O proxecto reformula outro anterior coa finalidade de reducir as afeccións e adecuar as características do vial ao tráfico da estrada. Conta cun orzamento superior aos 1,6 millóns de euros, e está actualmente en fase de revisión polo departamento de Infraestruturas.