O Museo de Pontevedra exhibirá os gravados Suite Vollard, de Picasso
O Museo de Pontevedra inaugura o venres 13 de marzo, ás 20:00 horas, a exposición La Suite Vollard de Picasso en las colecciones ICO, que reúne unha serie de 100 gravados que Picasso realizou entre setembro de 1930 e marzo de 1937. No acto está prevista a intervención do presidente da Deputación, a deputada de Cultura e a presidenta da Fundación ICO.
Esta colección, propiedade do Instituto de Crédito Oficial desde 1991, é considerada por moitos historiadores a obra cumio do gravado do século XX. Inicialmente estaba composta por 97 gravados, pero o seu número redondeouse a 100 ó incluírse, en 1937, tres retratos de Ambroise Vollard.
É precisamente de Ambroise Vollard, marchante e amigo persoal de Pablo Picasso, de quen toma o nome esta serie. A colaboración entre Vollard e Picasso chega ó seu punto álxido coa Suite Vollard, que non foi un encargo do marchante ó artista senón, máis ben, un intercambio amigable e comercial: Vollard obtivo en 1937 a serie inicial de 97 cobres gravados da Suite a cambio dun número importante de pinturas da súa propiedade, que Picasso desexaba para a súa colección privada.
A edición definitiva da serie comezou a estamparse en 1939, pero os cobres non foron mostrados por primeira vez ata 1979 na exposición que tivo lugar no Museo de Arte Moderna da Vila de París, de onde pasaron a formar parte dos fondos do Museo Picasso de París.
A colección forma un despregamento de mestría en canto ó manexo das diferentes técnicas do gravado, que Picasso aprendeu case ó tempo que as practicaba. Como gravador sitúase a medio camiño entre os mestres antigos, que o facían todo eles mesmos, e os artistas contemporáneos, que, en xeral, necesitan dun impresor.