O Museo de Pontevedra acolle a exposición “Faustino Santalices. Tradición Musical Galega”
A exposición Faustino Santalices. Tradición Musical Galega, comisariada polos irmáns Castro Vicente, inaugúrase este xoves, ás 19:00 horas, no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra.
Faustino Santalices Pérez é unha figura fundamental da música popular galega da primeira metade do século XX. As súas reflexións e achegas na estandarización da gaita e na recuperación da zanfona colócano no centro do proceso de recuperación e valorización do patrimonio musical de Galicia. A súa extrema curiosidade acentuou o seu perfil de investigador e excelente instrumentista, así como a interiorización dos sons da zanfona moldeou a súa voz dotándoa dunha personalidade inconfundible. Pasa por ser un dos grandes estudosos da música galega, xa que recompilou o repertorio dos vellos gaiteiros e as cantigas tradicionais, ademais de ser o máximo coñecedor da historia e a técnica da gaita e da zanfona no seu tempo.
A exposición, comisariada por Cástor e Félix Castro Vicente, estrutúrase en nove apartados. Fai un percorrido biográfico que dá conta das súas investigacións e creacións, da súa dimensión como artesán, luthier e científico e da súa relevancia como extraordinario divulgador da nosa tradición musical. Contén tamén fotografías, revistas, libros, discos e diversos obxectos do seu contorno vital máis próximo, así como abundante material audiovisual no que o seu fillo Faustino Santalices Muñiz nos desvela os métodos de traballo do seu pai.
Os instrumentos, pezas e unha parte substancial da documentación contemplados nesta exposición foron xenerosamente cedidos por Faustino Santalices Muñiz e familia; este é o depositario do legado do seu pai e unha persoa fundamental para entendermos doadamente o significado da obra de Faustino Santalices Pérez.











