publicidade hoxe

O Laboratorio de Frío de Galicia sitúa á ITV de Espírito Santo á vangarda e impulsa a competitividade empresarial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Visita de Francisco Conde ás instalacións

Visita de Francisco Conde ás instalacións

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe que o novo Laboratorio de Frío de Galicia sitúa á vangarda tecnolóxica á estación da ITV de Espírito Santo, no concello coruñés de Sada, e está chamado a situarse entre as instalacións deste tipo tecnoloxicamente máis avanzadas a nivel mundial.

Conde apuntou que a nova unidade especializada na homologación e revisión de vehículos refrixerados vai supoñer un importante aforro de custos e tempo tanto para transportistas e empresas como para carroceiros, realizando en Galicia probas que ata a data só se podían facer noutros dous únicos puntos de España e beneficiando en torno a 300 vehículos ao ano. Sinalou ademais o conselleiro que estas certificacións poden converterse mesmo nunha garantía extra de calidade para os produtos agroalimentarios galegos no camiño da súa internacionalización.

O responsable de Economía e Industria apuntou así mesmo que a ampliación da ITV de Sada, que supón un investimento total de 2,2 millóns de euros, e que inclúe tamén a posta en marcha dunha nova liña para turismos, permitirá avanzar ademais de na innovación tecnolóxica en eidos como a axilización administrativa, a formación, e o servizo á cidadanía, atendendo un maior número de turismos.

Destacou Conde que a seguridade e o respecto ao medio ambiente son dos dous principais eixos nos que está a focalizar os seus esforzos a industria da automoción, sinalando que grazas ao labor de Supervisión y Control, que conta con 23 estacións fixas e 10 móbiles que dan cobertura a toda Galicia e empregan a preto de 500 empresas, se garante que os coches que circulan polas estradas da comunidade cumpren con estes parámetros de forma rigorosa, ao tempo que se impulsa a competitividade empresarial.

Neste sentido, sinalou que este é un dos principais obxectivos do traballo da Consellería de Economía e Industria, que está a potenciar mediante a Axenda da Competitividade Industrial, que establece as pautas para modernizar a industria co obxectivo de crear 50.000 novos empregos de calidade ata 2020.

E apuntou que nesta Axenda van xogar un importante papel parques empresariais como o de Espírito Santo, un dos máis activos da provincia, e en cuxa dinamización vai supoñer un novo paso adiante a posta en marcha do Laboratorio de Frío e a ampliación da ITV.

24 de marzo de 2015 | 18:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.