O Kaiak Tudense buscará o seu décimo título de campión de España de piragüismo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaTui
A-
A+

O Kaiak Tudense buscará lograr o seu décimo título de campión de España de piragüismo de forma consecutiva o próximo fin de semana en Sevilla. Ao mesmo tempo defenderá o que logrou a tempada pasada. Desprazará a 26 padexeiros e terá como principais rivais ao Náutico de Sevilla, que presentará 42 deportistas á cita, e Aranxuez, con 26. As probas desenvolveranse nas modalidades de K-1 e C-1 sobre a distancia de 5.000 metros.

É unha das competicións máis importantes para o club tudense, tal como queda demostrado nos últimos anos. A súa traxectoria é perfecta, aínda que agora terá en fronte a rivais máis poderosos. Esteban Alonso, o director deportivo do Kaiak Tudense, destaca que “loitaremos polo primeiro posto, tal como facemos sempre. Pero é certo que tanto o Náutico de Sevilla como Aranxuez medraron moito. Non será sinxelo”.

No equipo figuran todos os internacionais do club. Rubén Millán, Óscar Carreira, Diego Piña, José Luís Bouza, Diego Piña, Iván Alonso, Ramón Ferro, Roi Rodríguez, Gabriel Pavón, Víctor Rodríguez, Manuel Garrido, Brais Casas, Carla Pérez ou Ana Varela, entre outros, desprazaranse ata Sevilla para axudar ao equipo a lograr o seu obxectivo.

É un momento da tempada especial. Case todos eles demostraron atoparse nun bo momento de forma. Hai un mes case todos pasaron cunha boa nota un control selectivo en Verducido. Esteban Alonso recalca que “é un exame o Campionato de España. Traballamos ben ao longo da semana. Todos me transmiten boas sensacións. Imos realizar un gran esforzo, como sempre, para poder competir ao máximo nivel”. O adestrador recoñeceu que “o noso obxectivo é estar no máis alto do podio”. Ana Varela e Óscar Carreira pertencen ao equipo nacional de pista e atópanse desde hai varios días adestrando no escenario da competición.

O Kaiak Tudense foi o mellor equipo da pasada tempada en canto a resultados a nivel nacional. Gañou o Campionato de España de inverno, a Copa do Rei e a liga Hernando Calleja de Pista. A competición deste fin de semana é o que marca o inicio para sumar os puntos necesarios para conquistar a copa e a liga. As outras regatas son o Campionato de España de verán, en Verducido, e as Copas de España de 1.0000, 500 e 200 metros.

A entidade tivo que realizar un gran esforzo para desprazarse ata Sevilla, algo que tamén se converteu en habitual. Viaxarán en furgoneta e tamén levarán todo o material necesario para a competición, o que inclúe numerosos barcos. Supón un importante desembolso económico. Para Esteban Alonso “o compromiso dos deportistas e do club é fundamental para poder competir. Sempre tivemos esta filosofía. Pero é certo que nos custa moito diñeiro. Deberiamos ter máis axudas”.

18 de marzo de 2015 | 18:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.