O Jofre acollerá o 7 de marzo a fase de zona da cuarta edición do club de debate para estudantes de ESO e bachalerato

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

Ferrol acollerá o vindeiro sábado, día 7, a fase de zona da cuarta edición do “Club de Debate”. A cidade naval estará representada por un total de 22 alumnos/as divididos en tres equipos, pertencentes ao IES Leixa e o colexio Compañía de María, que debatirán nesta primeira fase de zona con seis grupos dos municipios de Carballo e Negreira. O Teatro Jofre será o lugar onde se desenvolverán os nove debates que darán comezo ás 10:00 horas e se prolongarán até as 20:30 horas.

En total serán 77 os mozos e mozas que participarán esta fin de semana nesta fase de zona, na que cada un dos nove equipos deberá defender a postura a favor e en contra en relación co tema “Todas e todos somos iguais ante a lei”, seleccionado polos propios centros de ensino participantes nesta edición. O xurado estará composto por cinco persoas relacionadas do ámbito da lingua galega, a comunicación e a ensinanza. Desta xornada sairá un grupo gañador -premiado con 500 euros- e outro finalista -que recibirá 300 euros-; e ámbolos dous participarán na final galega que terá lugar o vindeiro 26 de abril no Concello de Carballo, na que se enfrontarán os seis equipos gañadores das tres fases de zona: Carballo-Ferrol-Negreira, Ames-Rois-Santiago de Compostela, O Carballiño-Pontevedra. Esta fase final abordará o tema “Herdamos o galego, temos que trasmitilo” e o equipo que logre o premio final terá a oportunidade de participar nunha viaxe multiaventura dunha fin de semana nun espazo da nosa comunidade.

Impulso da lingua galega entre a mocidade

O Concello de Ferrol volve a participar, a través da Concellería de Normalización Lingüística que dirixe Martina Aneiros Barros, na actividade “Club de Debate”. Trátase dunha iniciativa que nace ao abeiro do Plan Xeral de Normalización Lingüística da Xunta de Galicia para un dos sectores que a Administración ferrolá e a autonómica consideran estratéxico: a mocidade; e ten como obxectivo xeral o de impulsar o uso a lingua galega cunha visión moderna, afable e útil desta e reforzando a súa estima. Nesta cuarta edición do Club de Debate tamén participan os Concellos de Ames, Carballo, Rois, Teo, Santiago de Compostela, Pontevedra, O Carballiño e Negreira -como nova incorporación-.

5 de marzo de 2015 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.