O Inservíbel reconvértese en arte en Verín
A artista pontevedresa Andrea Costa presenta na Sala de Exposicións de Verín, desde o sábado día 21 ao día 25 de abril, a mostra Reconstrución combinada con dúas ducias de obras que se caracterizan pola revalorización do inservíbel, polo uso de material de desfeito que se reconstrúe e combina para formar algo novo, agradábel e artístico.
En Reconstrución combinada, Andrea Costa transforma plásticos, xornais e madeiras inservíbeis, con pinturas acrílicas e látex, en obxectos artísticos que simbolizan o esforzo de existir cun sentido novo. Con dúas obras de gran formato tituladas Momentos, a artista lévanos pola metáfora da “liña da vida” a través dunha sucesión de puntos de diversa intensidade. No grupo Anacos de rabia, formado por media ducia de obras, trata de transmitirnos os efectos da destrución e da construción, das decisións incontrolábeis que nos definen e transforman. Por último, en Sombras, conxunto de 13 obras de pequeno formato, preséntanos a súa reflexión artística sobre a construción do ideal, sobre o intento de converternos no que queremos, e sobre o resultado, que non sempre é o esperado; e que terá tantas lecturas como persoas vexan as obras, porque estas cambian dependendo dos espectadores, faceta psicolóxica da arte.
Andrea Costa naceu en Tui e estudou Belas Artes en Pontevedra, onde obtivo un grao pola Universidade de Vigo. A súa primeira exposición realizouna na Area Panorámica de Tui, en conxunto con Xosé Rivada. No Pazo da Cultura de Pontevedra, participou na exposición colectiva Do final e do comezo. No ano 2012 realizou un mural para o evento Youth on the Move, organizado pola Comisión Europea. No ano 2013, o seu libro de artista Diario Rojo&Azul foi publicado na revista The Print Factory II: El Espacio del Libro, presentada na Feria Art Libris de Barcelona e na Feria Estampa-Arte Múltiple. O mesmo ano, foi comisaria das exposicións 3, 2, 1… acción! e A sinxeleza do natural. No ano 2014, levou Reconstrución combinada ao Centro Cultural de Chaves e ao Ateneo de Ourense. Polifacética no ámbito artístico, ademais de pintora, artista gráfica e promotora de proxectos expositivos, ten experiencias na arte corporal.Na actualidade, Andrea Costa realiza prácticas no Museo de Bellas Artes de A Coruña no Máster de Xestión do Patrimonio Artístico e Arquitectónico, Museos e Mercado da Arte da Universidade de Santiago de Compostela.
A mostra poderase visitar na Sala de Exposicións de Verín de luns a sábado das 10 ás 14 e das 17 ás 20.30 horas.











