O II Congreso iberoamericano de epidemioloxía e saúde pública celebrarase en setembro en Santiago
A Consellería de Sanidade apoia a celebración do II Congreso Iberoamericano de Epidemioloxía e Saúde Pública, que terá lugar en Santiago de Compostela do 2 ao 4 setembro. Ademais, esta semana -o día 22- remata o prazo de envío de comunicacións para participar no Congreso, pois este evento supón unha boa oportunidade para dar visibilidade aos traballos que se fan na nosa Comunidade.
O Congreso celébrase este ano co lema “a epidemioloxía e a saúde pública ante o reto da cronicidade”, e tamén conta co apoio da Universidade de Santiago de Compostela. O evento, organizado pola Sociedad Española de Epidemiología, a Sociedad Española de Salud Pública e Administración Sanitaria, e a Asociación Portuguesa de Epidemioloxía, espera reunir en Santiago a máis de 800 profesionais.
Entre outras temas, abordaránse aspectos aos que a epidemioloxía e a saude pública terán que enfrentarse nos próximos anos, como o desafío que supón o envellecemento poboacional na sostenibilidade dos sistemas sanitarios, e analizar o impacto que terán as novas tecnoloxías na xestión das enfermidades crónicas e no tratamento destes doentes. No marco do Congreso organizaranse múltiples mesas e áreas de comunicacións relacionadas coa avaliación de servizos sanitarios, programas de crónicos, ademais dos campos tradicionais da saúde pública e da epidemioloxía (epidemioloxía das enfermidades cardiovasculares, cancro, vacinas, enfermidades transmisibles, estilos de vida -tabaquismo, obesidade, consumo de alcohol-, epidemioloxía social e outras áreas).
A conferencia inaugural correrá a cargo do ex-conselleiro de Sanidade do País Vasco e asesor do Goberno de Obama, Rafael Bengoa. O presidente do Comité Organizador é o subdirector Xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía da Consellería de Sanidade, Xurxo Hervada Vidal, e o presidente do Comité Científico é o profesor de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela, Alberto Ruano Raviña.











