O Goberno local da Coruña bateu o récord histórico de execución do presuposto e do capítulo de investimentos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O concelleiro de Economía e Facenda, Roberto Coira, avanzou esta mañá os primeiros datos do informe de liquidación presupostaria municipal do exercicio 2014, onde se observa que o Concello logrou bater o récord histórico da cidade en canto á execución do presuposto, tanto a nivel global, alcanzando o 84,79%, como no capítulo de investimentos, cun 65,5%.

O responsable municipal da área económica destacou que o actual equipo de goberno liderado por Carlos Negreira alcanzou metas e obxectivos nunca antes vistos na cidade:

– Récord histórico no grao de execución do presuposto e, sobre todo, dos investimentos -que pasou do escaso 40% na etapa do bipartito, sen contar os fondos FEIL, ao 65,5% do ano pasado-.

– Peche do exercicio de 2014 con superávit e cumprindo o teito de gasto, afianzando a estabilidade presupostaria, fronte ao déficit que existía nas etapas de anteriores gobernos. Nunha primeira análise da Intervención Municipal, dos ratios avaliados obsérvase en todos os casos datos positivos que avalan a solvencia e o equilibrio financeiro das contas municipais, cumprindo de sobra os límites legais previstos na lexislación.

– Conxelación dos impostos municipais durante todo un mandato por primeira vez, sen nin sequera aplicar o IPC, o que supuxo un aforro aos coruñeses de 10 millóns de euros.

– Establecemento, ao longo destes catro anos, de bonificacións fiscais novas: desconto do 2% no IBI a través do plan de pagamento personalizado; descontos de entre o 40 e o 60% no IBI para as familias numerosas; ou unha bonificación do 20% no imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana (plusvalía) para as transmisións realizadas por causa de morte sempre que a vivenda habitual do falecido sexa a favor dos descendentes e adoptados, cónxuxes e os ascendentes e adoptantes.

Roberto Coira explicou que a liquidación presupostaria do ano 2014, que se levará ao pleno do mes de abril para a súa toma de coñecemento, ratifica os bos niveis de execución logrados neste mandato. En termos globais, executouse o 84,79% do presuposto, o que supón mellorar as cifras de anos anteriores e, de xeito especial, as correspondentes á etapa do bipartito, cando nunca se superou a execución do 80% do presuposto total.

“A media de execución do bipartito entre 2007 e 2010, sumando mesmo os fondos FEIL que por obriga tiña que executar dentro do exercicio correspondente, non chegou ao 76% dos seus presupostos. O actual equipo de goberno, entre os anos 2011 e 2014, logrou romper a barreira do 80%. En concreto, son 4,35 puntos porcentuais máis que no período de goberno de PSOE e BNG”, destacou o concelleiro de Economía e Facenda, quen recordou que a porcentaxe alcanzada en 2014, co 84,79%, é o máis alto na historia da cidade da Coruña.

“Este extraordinario grao de execución do presuposto permitiunos cumprir os nosos grandes obxectivos deste mandato. Así, en 2014, executáronse 5,72 millóns de euros en programas de asistencia a persoas dependentes; 2,70 millóns en accións de fomento do emprego; 1,90 millóns para actividades vinculadas ao comercio; 1,78 millóns en promoción e fomento do deporte; ou os case 1,1 millóns para instalacións deportivas”, asegurou Roberto Coira.

Se comparamos o terceiro ano natural do bipartito (2010) co terceiro ano natural desta lexislatura (2014), os resultados tamén manifestan que se mellorou a xestión e o cumprimento dos compromisos adquiridos a través do presuposto. En 2010, o grao de execución do presuposto foi do 79,1%, é dicir, 5,69 puntos menos que o ano pasado”, destacou Coira, quen engadiu que esta diferenza é aínda maior se se compara con outros exercicios, como 2008 (doce puntos menos que en 2014) e 2007 (once puntos menos).

INVESTIMENTOS

Esta tendencia positiva repítese no apartado de investimentos, pois o ano pasado se logrou executar o 65,5% dos créditos consignados a este capítulo. Na etapa do bipartito, o mellor dato corresponde a 2009, en pleno fondos FEIL, cun 61,3%.

Esta mellora no cumprimento da execución dos investimentos contribuíu a superar, como xa aconteceu en 2013, os 29 millóns de euros. En concreto, en 2014, ao investimento executado (capítulo 6 do presuposto) alcanzou os 29,95 millóns de euros e permitiu cumprir proxectos estratéxicos como o plan de mellora de espazos públicos e obras de accesibilidade. Neste sentido, o concelleiro de Economía e Facenda destacou os 12,15 millóns de euros (obrigas recoñecidas netas) para investimento novo en obras de urbanización ou os 1,67 millóns de euros para proxectos de iluminación en vías públicas.

INGRESOS E SOLVENCIA FINANCEIRA

O concelleiro de Economía e Facenda tamén subliñou o compromiso que un ano máis demostraron os coruñeses coas súas obrigas tributarias, tanto no pagamento dos impostos coma das taxas e prezos públicos. “O grao de execución do presuposto municipal en 2014 no capítulo de ingresos alcanzou o 84,6%, o que supón manter a porcentaxe medio logrado neste mandato grazas a que os coruñeses demostraron unha vez máis o seu sentido de responsabilidade e o seu compromiso con esta cidade”, afirmou.

As cifras rexistradas no informe de liquidación presupostaria de 2014 tamén confirman en todos os casos datos positivos que avalan a solvencia e o equilibrio financeiro das contas municipais; cumprindo o teito de gasto marcado polo Estado.

O Concello non tivo en 2014 que recorrer a un plan de pagamento a provedores, como si aconteceu en 2012, cando se tivo que solicitar ao Estado un préstamo de 7 millóns de euros para facer fronte de xeito inmediato aos pagamentos pendentes cos provedores herdados de etapas anteriores. Neste sentido, o concelleiro de Economía e Facenda recordou que o actual equipo de goberno puido rebaixar de xeito significativo o período medio de pagamento: dos 76 días da Conta Xeral de 2010 aos 39 en 2013, unha redución que é aínda máis significativa grazas ao Rexistro Central de Facturas e a Sinatura Electrónica. Así, o pasado mes de febreiro situouse en 20 días.

Ademais, en 2014 logrouse superávit -arredor 12.000 euros en 2014- por primeira vez neste mandato; unha estabilidade presupostaria conseguida por este equipo de goberno e que, unida a que se cumpre o teito de gasto, contrasta co déficit de 22,6 millóns de euros que se produciu en 2009 durante o goberno bipartito.

O Concello logrou, por un lado, aumentar o investimento e, polo outro, rebaixar as obrigas pendentes de pagamento e continuar cos plans de contención do gasto superfluo que permitirán ao final desta lexislatura un aforro superior aos 20 millóns de euros. Grazas a todas as medidas adoptadas, rebaixouse a débeda en máis de 4 millóns de euros no último ano, ata os 74,14 millóns.

O aforro neto -indicador que pon de manifesto a capacidade que ten o Concello para autofinanciar a nivel de gasto corrente- alcanzou os 14,21 millóns de euros, unha cantidade que permite ao Goberno local destinar máis financiamento a investimentos e transferencias para colaborar con entidades sociais, deportivas e culturais da cidade.

“En 2010, a última conta xeral completa do bipartito, a débeda era de case 68,75 millóns de euros. Se non tivésemos tido que acollernos ao plan de pagamento a provedores e pedir un préstamo de 7 millóns de euros para facer fronte ás facturas que deixaron sen pagar, a débeda actual do Concello sería inferior á de 2010 e, con diferenza, sería máis baixa que en calquera exercicio presupostario do anterior goberno”, lamentou Roberto Coira.

12 de marzo de 2015 | 13:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.