O goberno de Ferrol leva a pleno o estudo de viabilidade para a construción da futura “Cidade do Deporte”
O Pleno do Concello de Ferrol, que se celebrará mañá xoves a partir das 19:00 horas e en sesión ordinaria, abordará o estudo de viabilidade para a construción da futura “Cidade do Deporte”, un centro para o fomento e desenvolvemento de servizos orientados á mellora da saúde, o benestar e a condición física. Así, a orde do día recolle a proposta de aprobación inicial destas instalacións deportivas que se emprazarán nunha parcela municipal de 8.700 metros cadrados situada no novo polígono residencial do Bertón recentemente recepcionado pola Administración ferrolá.
Este proxecto, recollido no proxecto de cidade Ferrol2020, inicíase co estudo de viabilidade presentado pola empresa Serviocio. A futura “Cidade do Deporte” incluirá unha piscina de 25 x 12,5 metros susceptible de ampliación a 50 metros.
Outras das propostas que se abordarán na sesión plenaria de mañá xoves serán a aprobación das bases que rexerán a convocatoria de subvencións no ámbito cultural e da participación cidadá para o presente ano 2015. Así, se ratificarán as bases reguladoras da convocatoria para a concesión de subvencións a entidades veciñais do municipio ferrolán e as bases da convocatoria pública de subvención para a promoción e fomento da cultura dende as asociacións culturais da cidade.